Ir o contido principal

Casa Barbicas

Casa Barbicas
Dirección Rúa Benigno Soage, 5. 36940 - Cangas

Baixando as escaleiras situadas á dereita da igrexa, atopamos esta casa, que tanto ela como a que ten en fronte, son dous belos exemplos das típicas “casas de patín”, as casas mariñeiras por excelencia de Cangas.

A casa Barbicas actualmente acolle na planta alta a oficina do PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior).

Esta casa ten a súa historia. Díse que na época medieval, sobre o s. XVI foi a primitiva Capela do Hospital. No seu interior conserva un arco de medio punto con motivos de bólas, sabéndose de certo que foi a porta de entrada da primitiva capela, queimada polos turcos no 1617.

Posteriormente, no século XVIII foi cárcere, quedando aínda pequenos barrotes en varios pertuxos. Durante o S. XIX e ata o 1900 aproximadamente foi sede do concello. A principios do S. XX foi escola, a popular “Escola de Barbicas”, chamada así polo seu mestre D. Manuel Mosquera. E xa, nos últimos anos, e antes da súa rehabilitación, foi a dependencia municipal onde os traballadores do lixo deixaban as súas pertenzas persoais. 

A comezos do 2000 rehabilitouse, poñéndose en valor como un dos elementos arquitectónicos patrimoniais máis importantes de Cangas.