Ir o contido principal

Revoltas Irmandiñas "II Guerra Irmandiña"

Revoltas Irmandiñas

A Guerra Ifrmandiña en Cangas: Gorrións contra Falcóns

En 1467, deu comezo un dos acontecementos máis significativos da historia de Galicia, ao que Cangas, dende logo, non foi allea. Daquela, os abusos e excesos da nobreza galega eran de tal magnitude que sumiran a todo o Reino na máis completa anarquía. As súas fortalezas convertéranse nun niño de malfeitores; os roubos e crimes de toda índole eran moeda común ao longo do país, substituíndo a orde e a xustiza pola lei do máis forte. Ademais, o afán desmedido dos señores feudais por engrandecerse e enriquecerse levounos a usurpar señoríos eclesiásticos e a protagonizar continuos enfrontamentos entre si.

Todo isto terminou por exasperar os ánimos do campesiñado e das cidades, que dende 1464 comezaron a solicitar o consentimento de «El-Rei» para formar irmandades que se encargasen de velar pola seguridade e a paz. A partir deste intre, os feitos precipitáronse. O movemento asociativo, que empezou nos principais núcleos de poboación estendeuse coma un regueiro de pólvora ata os últimos confíns rurais, para desembocar na formación da «Santa Irmandade do Reino de Galicia». Os seus cargos electos considerábanse delegados rexios, e como tales asumiron o poder.

A resolución dos «alcaldes» e «deputados» irmandiños á hora de aplicar xustiza foi implacable: numerosos asasinos e bandoleiros foron executados sumariamente mediante setadas. Posteriormente, a ira irmandiña dirixiuse contra o máximo símbolo da opresión feudal: as fortalezas. Un inmenso exército popular cercou e acabou derrocando non menos de 140 torres e castelos en todo o país, tras o cal a derrota dos grandes nobres foi completa, fuxindo estes a Portugal ou Castela. Entre 1467 e 1469, a Santa Irmandade foi o único goberno que tivo Galicia.

En Cangas, a deshonra señorial estaba representada pola fortaleza de Darbo, pertencente dende 1184 ao arcebispo de Santiago. Situada no cumio do que hoxe se coñece como Monte Castelo, consistía basicamente nunha cerca ou muralla, reforzada con catro bastións, e no seu interior situábanse dúas casas, protexidas á súa vez por unha empalada de madeira. Inda que constituía unha construción máis ben feble, o seu emprazamento convertíaa nun punto moi difícil de atacar.

Tamén a nosa vila tivo a súa propia «irmandade» co seu correspondente «alcalde», Xoán de Fontefría. E a saña dos sublevados cangueses recaeu sobre o castelo, ao cal acudiron para asedialo «todos a unha», segundo o dicir da época. Non sabemos se foi tomado ao asalto ou se foi entregado pacificamente polo seu «meriño» Vasco Fernández. O que si é seguro é que foi totalmente destruído, e case con certeza «ata non deixar pedra sobre pedra», tal e coma os irmandiños acostumaban facer. E aínda terían tempo as milicias populares de Cangas para participar no derrocamento doutras fortalezas próximas, como a de Soutomaior.

Despois de que os «gorrións» tivesen triunfado sobre os «falcóns» durante tres longos anos, chegou a hora de desquitarse destes últimos. A contraofensiva señorial de 1469 terminou co desbaratamento final das irmandades, pero nada volvería ser o mesmo. A derrota militar de 1467 supuxo o principio do fin do poder feudal da aristocracia galega; o seu illamento social fixérase patente, e tamén a súa total incapacidade para dirixir politicamente o país.

Os decenios vindeiros traerían consigo un fortalecemento da monarquía e das súas institucións, e Galicia entraría con paso firme na nova era da modernidade.