Ir o contido principal

O nacemento da vila

O nacemento da vila

As primeiras referencias aparecen na primeira metade do século XV, cando moitos veciños e veciñas das parroquias lindantes de Darbo e Coiro se asentan na fronte marítima para exercer o seu oficio de mareantes no Porto de Cangas. O seu número chegaría a ser superior ao da parroquia de Darbo, articulándose entón un incipiente núcleo urbano onde destacaban dous barrios, O Sinal e O Costal, núcleos primixenios da vila.

En 1467, e debido ao clima de anarquía política e aos constantes abusos da nobreza, Cangas viuse inmersa nunha gran revolta popular e antiseñorial coñecida como « A Guerra Irmandiña». Foi entón cando os sublevados derrocaron a Fortaleza de Darbo, pertencente á mitra arcebispal de Santiago.

Cangas empeza a ser citada como vila a partires do século XVI, cando se constrúe a igrexa que pasaría a ser Colexiata no 1545. Neste momento levántanse outros importantes edificios como o hospital e a vila configúrase xa como cabeza de Xurisdición do Morrazo, contando con rexemento (Concello), notarios, escribáns públicos e xuíces nomeados polo Arcebispo de Santiago.