Ir o contido principal

Massó e a caza da balea en Cangas

Massó e a caza da balea en Cangas

Cangas e a caza industrial da balea

A caza industrial da balea comeza na segunda metade do século XIX, coa aparición de dúas innovacións técnicas que reactivaron esta actividade, a invención e perfeccionamento do canón lanza arpóns polo noruegueses Svend Foyn por unha banda e por outra a propulsión a vapor e o casco metálico das embarcacións. Ata ese momento a caza fora artesanal e non estaba exenta de riscos.

No ámbito internacional ata ese momento asistiuse a un paulatino descenso na actividade debido ao aumento da demanda de aceite mineral e vexetal que facían pouco rendibles as expedicións. Ademais empezaba a facerse sensible a diminución das especies tradicionalmente cazadas, fundamentalmente a balea franca, levada ata a extinción. As outras especies de balea eran demasiado rápidas para ser cazadas. Pero cos novos adiantos e embarcacións xa ningunha especie podía quedar fora do alcance dos cazadores por rápida que fose. Ademais o aceite de balea volve recuperar o seu valor debido ao seu emprego en cosmética e na fabricación de margarinas.

Son os noruegueses os que dan este novo impulso á caza da balea, e súas son as primeiras empresas industriais. Tamén son, precisamente empresas nas que participa capital noruegués, as que restablecen a actividade baleeira en Galicia na década dos anos vinte do século anterior, concretamente entre os anos 1924 e 1927.

Dentro da caza industrial distinguimos dúas modalidades: a costeira, na que os animais son cazados e procesados seguidamente en factorías terrestres ou flotantes fondeadas en enseadas abrigadas, e a peláxica, que é a que se desenvolve plenamente en alta mar mediante o emprego dun buque factoría servido por varias naves auxiliares dedicadas exclusivamente á caza. A primeira estaba limitada pola necesidade de levar canto antes as capturas a terra para que non se perdese a calidade do produto. No noso país foi esta a modalidade empregada ata o fin da actividade coa entrada en vigor da moratoria. En España son dous os lugares adecuados para o establecemento da industria, a área do estreito e Galicia. Por aquel entón tamén habería que ter en conta a zona do Golfo de Guinea, colonia española neses momentos.

Nesta época son dúas as empresas baleeiras que actúan en Galicia. A primeira delas sería a Compañía Baleeira Española, creada en 1914 a iniciativa de capital noruegués, pero que non empezou a súa actividade ata anos máis tarde, debido á Primeira Guerra Mundial. Vai operar nun primeiro momento na área do Estreito de Xibraltar, con técnicos noruegueses que asesoran aos españois, comezando a súa actividade en Galicia en 1924 coa apertura da factoría de Caneliñas.

A segunda empresa era a Sociedade Anónima Coroa, con domicilio social en Vigo, que obtén a súa primeira autorización para dedicarse á caza da balea en decembro de 1923 a nome de Don Cipriano Roque de Careaga e Cortina. Esta empresa estaba asociada tamén a outra de nacionalidade norueguesa. Ao ano seguinte, 1924, e antes de que se abrise a factoría de Caneliñas comeza a súa actividade industrial no buque factoría Alfonso XIII, que fondea primeiro na Enseada de Barra, pero tamén posteriormente na Ría de Aldán. Ante estes datos podemos soster con orgullo que a actividade baleeira industrial en Galicia tivo o seu inicio no noso Concello. Esta empresa emprega para caza barcos de fabricación estranxeira, noruegueses e británicos, adecuados para o seu fin, os Coroa I, II, III e IV, que abastecían coas súas capturas ao buque factoría.

BaleaNo 1927 termina esta primeira fase da explotación industrial da balea debido basicamente a factores económicos. A chegada das guerras Civil e Mundial, supuxo que esta actividade non se retomase ata moitos anos despois, unha vez superado ese episodio bélico.

Polo que se refire a Galicia, a actividade retómase de novo na restaurada factoría de Caneliñas a cargo da empresa Industrias Baleeiras S.A. (IBSA), que inicia a súa actividade en 1951, obtendo o permiso para a caza que iría renovando ata a chegada da moratoria. A segunda autorización que se concede nesta época faise a favor de Factoría de Balea C.B. Empresa esta na que participaban a partes iguais Massó Irmáns S.A, Barreiras e IBSA. e que comeza a súa actividade en 1955 desde a factoría de Balea en Cangas, aproveitando nas súas instalacións material da desmantelada factoría de Benzú, actualmente territorio de Marrocos.

Xa no ano 1964 concédese unha licenza a Massó Irmáns S.A. que vai actuar desde a de Cabo Morás, na Mariña lucense. As tres empresas van posteriormente fusionarse baixo a denominación de IBSA, nome co que chegaría ata o final da súa actividade, coa entrada en vigor da moratoria. Ese foi o motivo polo que se lle puxo ese nome aos dous últimos buques baleeiros incorporados á frota que cazaron baleas para a nosa industria.

A factoría de Cangas ía permanecer activa trinta anos, dende 1955 ata 1985. Liño Bernández no seu libro baleas e baleeiros en Galicia, recolle algúns testemuños orais deste tempo, onde por unha banda faise referencia á rendibilidade que para a vila supuxo a explotación da balea empregando a moita xente na tarefas da factoría. Doutra banda, hai quen opina «foi unha sorte que a pechasen no verán non se podía ir ás praias pola enorme cantidade de graxa que chegaba a flotar nas augas».

A mellor época para a caza eran os meses de verán e outono, aproveitando as migracións dos cetáceos. No comezo da actividade de Salgueirón, a campaña comezaba en abril, aínda que coa redución de capturas atrasouse ata o mes de xuño. A zona de caza situábase a unha 40 ou 50 millas da costa, sendo rara a presenza de capturas ao leste dos nove graos de lonxitude Oeste. Normalmente saía un barco da factoría de Cangas e dous de Caneliñas e Cabo Morás respectivamente. A arribada coas capturas producíase con independencia do porto de orixe, en función da menor distancia da factoría a terra, porque na caza costeira é moi importante que a captura se procese inmediatamente para evitar perdas na calidade do produto.

MassóBuques de nomes tan coñecidos como o Lobeiro, Carrumeiro, Temerario, Cabo Morás ou os últimos da serie dos IBSA, eran os encargados de abastecer ás factorías de materia prima. En xeral eran barcos de pequeno tamaño, dado que se dedicaban á caza costeira, especialmente preparados para a súa actividade, todos eles estaban dotados de altas cofas onde os vixías esperaban á aparición dos chorros das baleas desde as primeiras luces da alba. Ademais, a ameazadora presenza do canón lanza arpóns montado sobre a proa facía inconfundible o perfil deste tipo de buques.

Ata fai relativamente pouco, despois do cesamento da actividade baleeira, varios destes buques estiveron fondeados dentro da dársena do porto de Cangas, estampa que aínda podemos lembrar admirando o gran panel fotográfico que atopamos na entrada do Organismo Autónomo Municipal de Turismo, situado á beira da Excolexiata. Moitos dos veciños do Morrazo aínda lembran o suceso acaecido no porto de Marín, cando varios destes barcos foron obxecto dun atentado atribuído aos ecoloxistas, que neste caso fixeron literalmente a guerra á caza dos cetáceos, indo máis aló das simples manifestacións xa que colocaron artefactos que danaron un dos buques e lograron o seu obxectivo con outros.