Ir o contido principal

Invasión de piratas berberiscos en 1617

Invasión de piratas berberiscos en 1617

Os turcos destrúen a vila de Cangas

En 1617 tiveron lugar os feitos máis dramáticos que coñeceu Cangas ao longo da súa dilatada Historia. Un 4 de decembro, os habitantes da ría de Vigo vían espantados como once navíos corsarios turcoberberiscos fondeaban nas Illas Cíes. Os seus propósitos non podían ser máis sanguinolentos: causar a maior desfeita posible nas posesións da Coroa Española, e practicar a rapiña e a pillaxe.

Aínda trataron novamente os piratas de apoderarse de Vigo, infrutuosamente, antes de dirixir as súas proas contra Cangas, que daquela era unha humilde vila de pescadores, totalmente desprotexida. A escasísima milicia non dispuña de recinto fortificado algún no que resistir, nin tampouco de artillería. A primeiras horas da mañá, tras un intenso bombardeo, uns 1.000 homes desembarcaron en Rodeira e na Punta de Balea, ante as aterrorizadas xentes do lugar. Ás minguadas tropas uníronse numerosos veciños mal armados, sendo os protagonistas nunha loita desesperada, en atafegante inferioridade numérica. O maior heroísmo daqueles homes e mulleres estivo en que foi o sentido da honra o que lles impediu abandonar os seus fogares ante o invasor, pois en tales condicións era impensable a vitoria.

PiratasÁs poucas horas, os que conseguiron fuxir cara aos montes de preto puideron contemplar un espectáculo arrepiante: a vila ardía polos catro costados, incluída a Colexiata e o Hospital, e ducias de cadáveres sementaban as rúas. Aínda se dedicaron os turcos a saquear os arredores durante tres días (nos que queimaron tamén a igrexa de Darbo) antes de desaparecer co seu rastro de morte. Con eles levaron un farturento botín, pero tamén a ducias de persoas cara o cativerio de Arxel.

O pobo de Cangas tardou moito tempo en recuperarse daquel desastre. A súa poboación quedou decimada; a súa economía, estragada. Un novo azoute, a fame, cebouse cos máis desfavorecidos, o que se vería agravado polas malas colleitas durante os anos vindeiros. Aqueles terribles sucesos deixaron na memoria colectiva de Cangas fondas cicatrices de dor e de medo, que ao final quedaron inmortalizadas pola tradición oral. É o caso dun famoso poema anónimo da época, que nos di nunha das súas estrofas: 

 

«…Viñeron os mouros arrenegados,
lá de moi lonxe, lonxe, lonxe.
Todo arrasaron e estaba el
Ala para moi lonxe, lonxe, lonxe,
¡Quen fora galgo,
quen fora paxaro,
quen fora vento! »