Ir o contido principal

Cultura Castrexa (O Facho e petroglifos)

Cabo Home

Vestixios da cultura castrexa e romana

Durante a ocupación romana de Galicia, o Morrazo pertencía ao convento Bracarense (con capital en Braga) e a poboación indíxena que habitaba estas terras entre o río Lérez e a ría de Vigo, estaba incluída na tribo dos Helleni, nome que non debe inducir a crer que eran pobos de colonización grega. 

Estes indíxenas vivían en poboados chamados castros que eran murallas circulares ou elípticas feitas de pedras e terra en lugares altos, dentro había casas e constitúen os poboados da época prerromana e romana.

En Cangas destacan os castros de O Castelo en Darbo, Liboreiro en Coiro e O Facho no Hío. Nestes castros atopouse cerámica e aras da época romana adicadas a deuses indíxenas. De todos eles merece especial atención por ser único non só en Galicia senón na Península Ibérica «O Facho en Hío». No monte de O Facho, atopamos o Santuario do deus  «local» ao que se lle pedía saúde. Da época romana está a chamada vila Pipín e tres piscinas atopadas na praia de Pinténs que se adicaban á salgadura de peixe.

 

O Facho

O FachoNo extremo occidental da Península do Morrazo, individualizado do seu contorno e elevado sobre o océano, o Monte do Facho acolleu ao longo de séculos distintas expresións da vida na comarca, que o son tamén da Historia de Galicia.

En primeiro lugar, desde o século X a.C. ata o século VII a.C., existiu un poboado na ladeira este do que a penas temos información salvo a do seu excepcional tamaño.

A partir do século VI a.C. xorde o castro galaico, poboado fortificado que subsistirá ata o século I a.C. Del aínda podemos ver parte das murallas, o foso, as pedras que conformaban as súas vivendas e que hoxe cobren as ladeiras do monte, os vertedoiros de lixo nas marxes do poboado ou a topografía actual do monte que deriva tanto da construción mesma do poboado como da configuración natural.

Posteriormente, un santuario levantado sobre o cumio vai recoller as vellas crenzas dos que viviran no castro, para dotalas ao longo dos séculos III ao IV d.C., dun novo carácter, agora marcado polo proceso de asimilación da cultura latina na rexión do imperio romano, chamada Gallaecia. Finalmente no século XVIII constrúese o posto de vixilancia costeira con fins militares do cal está en pé a garita.

 

Santuario galaicorromano do monte Facho

Santuario galaicorromano do monte FachoCoroando o monte Facho atopamos un santuario dedicado a un deus do panteón galaicorromano descoñecido polos investigadores. Non hai interpretación posible para o deus que era venerado alí. Todo o que figura escrito nas aras é que é un «deus lar», é dicir, un deus doméstico, local.

O santuario, converteu ao Monte do Facho nun gran centro de peregrinación que permanece en activo entre os séculos II e IV d.C. Dispoñíase nunha área en pendente que circunda o cumio do monte.

Os peregrinos subían ata alí e na cima «plantaban» sobre a terra a súa ara ou altar, unha columna de pedra labrada dedicada ao deus "local". A función destes altares eran a de ofrendar ao deus cun pequeno monumento que recollese nunha inscrición a condición de exvoto, así como a divindade á que ía dirixida, en ocasións o nome do oferente e ás veces ata os motivos da mesma.

Eran altares humildes, que na súa maior parte non superaban o metro de altura, –aínda que algúns superan o 1,70 m–, con inscricións parcas e concretas, as cales suxiren que se deixaban para pedir polo sentido máis amplo da palabra “saúde” dos oferentes.

A inscrición, en latín, é sempre a mesma: «Deo lari Berobreo aram posuit pro salute».

Atópanse 161 altares,  acumulación que motivou a tendencia dos monumentos a ser estreitos e altos, configurando o que á vista parecería un «bosque de aras”.

En ningún outro xacemento da península se atopou tal número de aras. Algunhas recuperáronas Enrique Massó en 1963 e Suárez Mariño, e están depositadas no museo de Pontevedra e no Quiñones de León, de Vigo.

O resto das aras, 119, descubríronse nas sucesivas campañas realizadas desde o 2003, nas que participaron un equipo de arqueólogos galegos e especialistas do Instituto Arqueolóxico Alemán, con José Suárez á cabeza.

O que non é lenda é a herdanza que o deus pagano deixou a San Andrés. Ata os anos trinta do século pasado, O Hío era lugar de peregrinación ao estilo de Santa Marta ou A Pobra, con cadaleitos e enfermos de todo tipo, procedentes de distintos lugares do sur de Galicia.

O santuario do Facho foi abandonado sen violencia e nunca máis se volveron a realizar ritos no lugar. Todo indica que o culto ao deus pagano, tras sufrir un proceso de cristianización, foi absorbido por San Andrés.