Ir o contido principal

Batalla de Rande

Batalla de Rande

En 1702, as nosas costas foron escenario dun dos máis cruentos combates navais que lembra a Historia de Europa. Por aquel entón, o continente debatíase nun conflito de grandes dimensións, no que estaba en xogo a sucesión á Coroa de España. A posibilidade de que Felipe de Anjou, neto do Rei Sol, accedese ao trono español, provocou a enérxica reacción das demais potencias, temorosas de ver unidos o poderío militar e económico francés co inmenso potencial do imperio colonial español.

O 11 de xuño dese mesmo ano partía de La Habana, rumbo a Cádiz, a Frota de Indias: 19 galeóns españois, escoltados por 22 navíos franceses, transportaban o máis valioso cargamento que xamais cruzara o Atlántico. Pero mediada a travesía, descubriron que unha poderosísima escuadra angloholandesa estaba agardándoos no Cabo San Vicente.

detallebatallarande_g.jpgAsí que o almirante Manuel de Velasco, seguindo os consellos dun piloto galego, puxo rumbo á ría de Vigo, na que entraron o 22 de setembro. O convoi buscou refuxio na Enseada de San Simón, comezando inmediatamente os preparativos para a defensa: o paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, á vez que se recrutaban apresuradamente milicias para reforzar os dous pequenos fortes existentes a cada lado do estreito. Paralelamente, 1.200 carros do país foron requisados para transportar as mercadorías cara a Madrid.

Un mes foi exactamente o tempo que tardou Rooke en descubrir o paradoiro, da Frota da Prata avisado por un espía no sur de Portugal, e o 22 de outubro entraba na ría a escuadra máis grande que por aquí se tivese visto. O primeiro cometido dos angloholandeses era tomar os castelos de Rande e Corveiro, o que lograron ao día seguinte sen grandes dificultades. Entón, comezou a gran batalla. A artillería francesa conseguiu conter ao adversario nas primeiras arremetidas.

Así foi ata que o «Torbay», buque insignia británico, e armado con picos, logrou romper a barreira que impedía o paso do estreito. A frota rival puido xa penetrar no fondo da ría, onde a falla de espazo para as manobras non deixou outro recurso que a abordaxe.

A encarnizada loita corpo a corpo combinouse co uso de numerosos materiais incendiarios, provocando un espectáculo dantesco e arrepiante. A diferencia numérica entre unha escuadra e outra era moi grande, e aínda que os franceses se bateron valorosamente, a derrota fíxose inevitable. Foi entón cando o comandante da frota mercante española, que carecía de medios de defensa, ordenou afundir os buques para evitar que caesen en mans inimigas. Moito se ten especulado sobre a posibilidade de que os galeóns españois se fosen a pique cargados de incontables riquezas, cimentando así a lenda do «Tesouro de Rande». 

Batalla de RandeAta o día de hoxe, foron numerosas as expedicións que o buscaron. É probable que a parte máis valiosa do cargamento tivese partido xa cara a Meseta, durante o longo mes que estivo a frota na ría. Sen embargo, non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda nas adegas das naves. Iso parecen indicar os catro millóns de pesos que levou o inimigo, e que xunto cos sete buques de guerra capturados e seis galeóns, constituíron un considerable botín.

O que si está fóra de toda dúbida é que a batalla de Rande foi unha carnicería. Do bando francoespañol caeron 2.000 homes, mentras que os mortos ingleses e holandeses foron uns 800. A batalla foi un desastre para todos eles, posto que os franceses perderon os seus mellores buques de guerra e os españois quedaron sen barcos para facer a carreira das Indias. E mentres o noso país procurou esquecer axiña tan amarga derrota (ao que contribuíu non pouco o relativo éxito no balance total da guerra, que permitiu a consolidación dos borbóns no trono), a vitoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme difusión en toda Europa, e foi celebrada durante longo tempo. A «Rúa de Vigo», en pleno centro londiniense, segue a lembrar aos británicos a gran transcendencia que este feito de armas tivo, ao igual que Xulio Verne inmortalizou os tesouros de Rande na súa novela «20.000 leguas baixo dos mares».