Ir o contido principal

O Cruceiro do Hío

Crucero de O Hío

Unha das máis características e orixinais manifestacións da arquitectura popular galega son os cruceiros, situados normalmente nos atrios das igrexas, entradas de cemiterios, cruces de camiños para protección dos viandantes e santificando espazos relacionados con crenzas pagás. O máxico e divino confúndese na orixe e a historia destas emblemáticas esculturas que eran construídas por mestres artesáns, sobre todo con carácter de devoción. Un dos mellores exemplos atopámolo en Cangas, o Cruceiro do Hío, obra cume do mestre Cerviño que data do 1.872 e unha das creacións máis exquisitas que teñan saído da man do home. A súa data de construción sabémola grazas ao anxiño que está no alto dunha columna ao seu lado. No pergamiño que leva na man pódese ler: “Esmolas para o santísimo Cristo da Luz 1872”. Esta foi a data na que se inaugurou o Cruceiro, para conmemorar a festividade do Cristo.

Tras observar ben esta marabilla, tallada na súa maior parte nun único bloque, chegamos ao convencemento de que o mestre Cerviño estaba posuído pola xenialidade: só así entendemos que creara unha obra que transcenderá do temporal, para acadar as máis altas cotas de expresividade artística galega.

É preciso contemplar con detemento as súas numerosas tallas, os múltiples rostros que o animan e lle dan vida, para compor a Historia da Salvación da Humanidade.

O Cruceiro arrinca do chan cunha escaleira octogonal de tres banzos, á que lle segue un ara sobre a que se asenta a estrutura principal da obra, composta por base, fuste e cruz. Cada unha destas realizada nunha soa peza.

A base está formada por catro fornelas orientadas aos puntos cardinais. A da cara sur móstranos a Eva coa mazá no momento de ser tentada pola serpe. Neste caso pódese facer unha lectura como de principio e fin, xa que se o cruceiro comeza co Pecado Orixinal, acaba, no máis alto, coa redención deste, por medio da morte na cruz do fillo de Deus. A fornela que dá ao oeste forma conxunto coa anterior e representa a Adán no Paraíso. Na seguinte imaxe, Xesús logo de morrer na cruz, vai ao limbo a buscar aos Xustos para conducilos ao ceo. Neste punto temos que prestar atención á forma en como están ciceladas as portas do limbo. Mirando cara á igrexa está a cuarta fornela que nos mostra á Virxe do Carme como redentora das Almas do Purgatorio. Se nos fixamos, a figura á que lle estende a man ten un barrete de cura.

O fuste na súa parte máis baixa ten unha inscrición na que se imaxina un nome, que ben puidese ser o do Arcebispo de Santiago, e baixo este, unhas letras que rezan o seguinte: «Concedeu cen días de indulgencia» e é que o arcebispo da época concedeu cen días de indulxencia leve a toda aquela persoa que rezase un credo diante do cruceiro. Subindo pola columna, atopámonos a Adán e a Eva no momento de seren expulsados do paraíso. É aconsellable ver estas imaxes de perfil, xa que están unidas á columna unicamente polos pés, desta forma decatarémonos do ben que están tallados os corpos de ambas figuras. Enriba do conxunto anterior está a Virxe Inmaculada derrotando á serpe, que encarna o mal. Devandita advocación está representada cos seus símbolos habituais feitos neste caso de metal (chumbo): unha media lúa aos pés e unha coroa con doce estrelas na cabeza. Na parte alta vemos ao Arcanxo Gabriel, anxo da garda, collendo ao neno da man, que representa a inocencia que é salvada do Mal e doutra banda está o Arcanxo Miguel que, como é habitual, simbolízaselle loitando contra o diaño. Para rematar, debaixo da ménsula que sostén o conxunto final, atópanse os catro anxos que sosteñen a cidade sacra de Xerusalén.

No máis alto do cruceiro escenifícase o desencravo de Cristo. Esta é a parte máis importante do conxunto. Hai que destacar como foi baleirada aquela única roca de granito traída da zona de Liméns. É importante que un se pare a contemplar os detalles das vestiduras e as proporcións dos corpos, pero o primordial é a expresión que o autor conseguiu dar ás figuras. Facendo unha descrición da escena, vemos que Xesús está sendo baixado da cruz por Xosé de Arimatea, propietario do sepulcro onde foi depositado o corpo de Cristo, e por Nicodemo. Abaixo San Xoán agárrao dos pés, mentres a Magdalena bótase as mans á cabeza e a Virxe María axeónllase mirando cara ás súas mans, que supomos, aguantaban a coroa de espiñas ou esperaba para recoller o corpo xacente do seu fillo. A escena complétase con dous querubíns que sosteñen os cravos (o da dereita) e a placa de INRI (o da esquerda). IESVS NAZARENVS REX IVDAEORVM «Xesús de Nazaret, Rei dos Xudeos». As ferramentas tamén son de chumbo.

Ademais do Cruceiro, nesta marabillosa contorna atopamos dúas importantes obras arquitectónicas: A Igrexa de San Andrés, compendio de diversos estilos que conserva do románico os canzorros do tellado, unha planta de cruz latina, e unha bela fachada do século XII, en cuxo tímpano pode apreciarse un motivo co “X” de Xristus, que alude á forma na que San Andrés, patrón da parroquia, foi crucificado. No interior presenta bóvedas de aresta gótica combinadas coas barrocas de casetóns e un Altar Maior construído enteiramente en pedra policromada; e a Casa Reitoral, unha verdadeira mansión rural ou un pazo abacial se se prefire, levantada por Ventura de Aldao hai máis de 300 anos. Atópase situada á beira da igrexa, é de pedra, con portal e balconada con balaústres tamén en pedra. Patio de acceso empedrado. Conta con fonte e  pombal de forma circular. A casa data do século XVIII sendo de estilo barroco.

CRUCEIRO DO HÍO, unha das máis características e orixinais manifestacións da arquitectura popular galega, son os cruceiros, situados normalmente nos atrios das igrexas, entradas de cemiterios, encrucilladas de camiños para protección dos viandantes e santificando espazos relacionados con crenzas pagás.

O máxico e divino confúndese na orixe e a historia destas emblemáticas esculturas que eran construídas por mestres artesáns, sobre todo con carácter devocional. Un dos mellores exemplos atopámolo en Cangas, o Cruceiro do Hío, obra culme do mestre Cerviño que data do 1.872 e unha das creacións máis exquisitas da arte popular galega.
 
É preciso contemplar con detemento as súas numerosas tallas, os múltiples rostros que o animan e lle dan vida, para compor a Historia da Salvación da Humanidade. Comezando por abaixo, na base observamos catro escenas: Adan e Eva consuman o “Pecado Orixinal”; A Virxe do Carme auxilia ás ánimas no purgatorio; e Cristo no Limbo dos Xustos, conforman a cara oposta do pecado e a salvación. Xa no fuste, Eva e Adán laméntanse avergoñados tras a expulsión do paraíso, pero pronto veremos a imaxe de María, a gran intercesora dos homes, pisando a cabeza do dragón, derrotado á súa vez polos anxos. A escenificación do desencravo de Cristo, enormemente emotiva, representa o triunfo final de Deus sobre o pecado.
 
Ademais do Cruceiro, nesta marabillosa contorna atopamos dúas importantes obras arquitectónicas: A Igrexa de San Andrés, compendio de diversos estilos que conserva do románico os canecillos do tellado, unha planta de cruz latina, e unha bela fachada do século XII, en cuxo tímpano pode apreciarse un motivo coa “X” de Xristus, que alude á forma na que San Andrés, patrón da parroquia, foi crucificado. No interior presenta bóvedas de aresta gótica combinadas coas barrocas de casetóns e un Altar Maior construído enteiramente en pedra policromada; A Casa Reitoral, unha verdadeira mansión rural ou pazo abacial levantado por D. Ventura de Aldao fai máis de 300 anos.