
Constrúese no ano 1925 grazas aos fondos aportados por Don Félix Soage Villarino na súa vila natal. O edificio, pódese considerar coma un monumento arquitectónico de principios de século XX.
Mostra unha distribución moi característica: unha zona central de venda de peixe fresco da propia ría; zonas laterais con venda de carne e peixe conxelado, panadería e empanadas e a parte superior adicada á venda de froitas e hortalizas. Tamén conta cunha churrería.
Na praza podemos atopar o peixe da ría descargado no porto pouco tempo antes da súa venda, así como froita e hortalizas das hortas da vila.
A praza de abastos de Cangas forma parte da Federación de Prazas de Abastos de Galicia.
Como anécdota, dicir que chama a atención para quen non é de Cangas a pronunciación que se fai na vila de algo tan característico como é ir mercar o peixe á praza. En Cangas vaise mercar o «peix á pras».