Ir o contido principal

Comercio local

Comercio local

O concello de Cangas conta cunha ampla oferta de comercios locais, onde o cliente segue a ser o máis importante. Cangas é un sitio especial, e as súas xentes así o reflicten. Nótase desde o primeiro instante. Estamos a falar de comercios pequenos, onde o trato non deixa de ser personalizado. Pese a acoller cada ano a máis turismo, séguese a notar ese trato mariñeiro orixinario das Rías Baixas.

Por outra banda, Cangas tamén é unha vila moderna, acorde aos cambios que a sociedade vai demandando. Combina a tradición coa modernidade, e así podemos encontrar establecementos que chaman a atención polo seu deseño, firmas de moda punteiras, ou establecementos de cultura e ocio.

Cangas conta cunha federación de comerciantes e industrias que abrangue todo o Morrazo, o que axuda a organizar feiras e eventos relacionados co comercio na comarca.

Moitos dos locais comerciais do concello están dirixidos ao sector turístico, cunha grande oferta gastronómica especializados en produtos típicos galegos. E unha das cousas que máis chama a atención ao visitante non deixa de ser a calidade dos produtos cuns prezos que non deixan de sorprender.

Tamén é destacable que cada ano se celebra A Feira de Oportunidades, onde os comerciantes do Morrazo poden poñer os seus postos ofrecendo descontos no seus artigos de ata o 40%. Xa vai pola súa 11ª edición, e faise nos Xardíns do Sinal (Alameda nova) os primeiros días de xullo, sendo a entrada de balde.