Ir o contido principal

Proxecto de prevención de drogodependencias e de condutas adictivas no eido local

Enténdese por prevención de drogodependencias un conxunto de medidas tendentes a modificar e mellorar a formación e calidade de vida das persoas, fomentando o autocontrol individual e a resistencia colectiva ante a oferta de drogas (Martín, 1995). Estas medidas pódense aplicar nos ámbitos educativo, familiar, laboral e comunitario.

Un programa preventivo é un conxunto de actuacións que teñen o obxectivo específico de impedir ou atrasar a aparición de condutas de consumo das distintas drogas. As accións preventivas tenden a detectar e reducir os factores de risco e potenciar os factores de protección propiciando unha liña de actuación enmarcada na promoción da saúde, o benestar e a autonomía das persoas, os grupos e a comunidade.

Para que a nosa actuación preventiva sexa o máis eficaz posible convén que forme parte dun proceso continuado e reforzado en sucesivos cursos académicos, integrado nos currículos.

Son funcións do servizo de prevención de condutas aditivas

  • Atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación en rela­ción coas drogas no seu ámbito territorial de actuación.
  • Planificar, programar, coordinar, executar e avaliar programas de prevención de dro­godependencias nos diferentes ámbitos de intervención: educativo, familiar, xuvenil, la­boral, poboacións vulnerables, programas en clave de xénero e outras actividades trans­versais de información-sensibilización, así como formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as.
  • Ser un nexo de unión e de coordinación coas distintas entidades que potencialmente poidan estar implicadas no proxecto no ámbito do seu territorio de actuación, tales como: centros escolares, sociais, sanitarios, entidades veciñais e de todo tipo, e a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.
  • Difundir á sociedade as es­tratexias preventivas que se estean realizando no seu territorio, así como os resultados alcanzados con elas: visualización social do proxecto no contexto que se aplica.

En resumen, disponse hoxe dun feixe de coñecementos que permite articular unha resposta coherente e eficaz, baseada en evidencias científicas, co fin de evitar o inicio ao consumo de drogas, atrasar a idade en que se producen os primeiros consumos, impedir a escalada no uso destas substancias (reducindo a frecuencia dos consumos ou as cantidades consumidas) ou reducir os riscos e danos que supoñen certos patróns de uso ou abuso de drogas, obxectivos todos eles que se adoitan integrar nos programas de prevención das drogodependencias.

O Concello de Cangas, leva desenvolvendo un proxecto de prevención de drogodependencias orientado ao fomento de estilos de vida saudables, dende o ano 1997, que se vai modificando e ampliando según as necesidades e as avaliacións que se fan do mesmo dun xeito satisfactorio tanto para o persoal traballador como para as persoas que participan nel.

Os programas inciden nos ámbitos comunitario, escolar, familiar e xuvenil, con intervencións na prevención laboral, xénero, información/sensibilización e formación.