Ir o contido principal

Cangas En Negro

CangasEnNegro

25N CangasEnNegro: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2020

 

NOTA DE PRENSA

A Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Feminismo e Sanidade do Concello de Cangas e o Consello Municipal de Igualdade informan que un ano máis o Concello de Cangas vai participar na Campaña En Negro contra as Violencias.

  • Ante a crise sanitaria actual e as restricións de mobilidade e distanciamento social, a acción envorcarase, sobre todo, nas redes sociais.
  • A acción social En Negro Contra As Violencias continúa un ano máis expandíndose e tinguindo de negro espazos públicos e privados.

A nivel galego, no quinto ano de percorrido da campaña, esta conta coa participación de 2 deputacións, 140 concellos, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. En total, preto de 500 entes que se organizan mediante unha plataforma para loitar contra as violencias machistas. Ademais, miles de establecementos apoiaron durante estes anos a acción cubrindo de negro os seus escaparates e lugares de traballo.

En Negro Contra As Violencias demostrou ser unha ferramenta moi útil para que os concellos –grandes e pequenos– puidesen implementar, desde o mesmo marco, diferentes iniciativas que na suma total constituísen unha única grande acción. Este ano, preténdese do mesmo xeito unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as casas, as rúas e as redes sociais. Conscientes das dificultades actuais para organizar accións presenciais, este ano centraranse os esforzos en actividades virtuais. Aínda así, convidamos á veciñanza a tinguir de negro as fiestras, balcóns, ...empregando roupa, telas, cartaces de cor negra.

En Negro contra as violencias, é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde en 2015 en Santiago de Compostela co impulso da Administración Local, crecendo e involucrando ano tras ano a un maior número de concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de forma viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo o ano, é sobre todo no mes de novembro e, concretamente, no 25 N -Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller-, cando a acción desprega a súa actividade dunha forma máis intensa.

Desde o seu inicio buscouse implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a veciñanza, nunha resposta colectiva de rexeitamento ás violencias de xénero e aos asasinatos machistas.

Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais. 

Para máis información: