Ir o contido principal

Servizo de recollida de PAPEL E CARTÓN COMERCIAL

Servizo de recollida de PAPEL E CARTÓN COMERCIAL

A Mancomunidade do Morrazo comeza esta semana unha campaña de mellora e ampliación do servizo de recollida de papel e cartón comercial.

  • Os establecementos comerciais que desexen adherirse ao servizo poden facelo a través do teéfono 900725425 ou no correo electrónico info@mancomunidadedomorrazo.gal
  •  
  • Esta iniciativa pretende reducir a problemática asociada á acumulación de cartón xunto aos colectores, e tamén ten vantaxes medio ambientais.


A Mancomunidade de Concellos do Morrazo comeza esta semana unha campaña de mellora e ampliación do servizo de recollida porta a porta de papel e cartón comercial, co que se pretende reducir a problemática relacionada coa presenza de papel e cartón no entorno do colector azul, que dificulta a eficiencia e eficacia dos servizos de limpeza.

A campaña ten como obxectivo principal mellorar de xeito substancial a limpeza das rúas con redución dos custes asociados e renovar a imaxe das zonas comerciais, pois o que se fará será evitar que este tipo de residuos interfiran noutros fluxos de recollida de papel e cartón, evitar o enchido e saturación dos colectores azuis de recollida selectiva destinados ao uso da cidadanía, e recoller de maneira sostible unha maior cantidade de papel e cartón para introducilo no circuíto da reciclaxe… Ademais, tamén se conseguirá un aforro de enerxía, emisións e materias primas, conseguindo unha reciclaxe de calidade e potenciando o coidado do medio ambiente.

Tal e como se lembra dende a Mancomunidade, o servizo vai dirixido ao comercio e outras actividades do sector servizos, como hostalaría, restauración e froitarías, que son produtoras dunha grande cantidade de cartón. A adhesión deberá facerse no teléfono 900725425 ou no correo info@mancomunidadedomorrazo.gal.

O material terá que entregarse sempre limpo e libre de impropios, ademais de depositarse pregado e dobrado e o máis organizado posible diante do establecemento sen que obstaculice a vía pública.

O horario de recollida será de 17.00 a 18.00 horas, os luns e xoves no Concello de Bueu, os martes e venres no Concello de Cangas, e os mércores e sábado no Concello de Moaña.

Actualmente, e segundo os datos do ente supramunicipal, hai adheridos un total de 72 establecementos (27 en Bueu, 31 en Cangas e 14 en Moaña), dos cales no último ano 2021 se recolleron 83,5 toneladas.

Toda a información tédela no seguinte documento:

Folleto recollida de cartón e papel comercialDescarga