Ir o contido principal

Morrazo Residuo Mínimo

Portada Morrazo Residuo Mínimo

Os Concellos de Bueu, Cangas, Moaña e a Organización ecoloxista Amigos da Terra inician no día do Medio Ambiente un proxecto de sensibilización e educación ambiental na Mancomunidade do Morrazo, enfocado á minimización de residuos, á mellora dos recursos naturais e ao fomento dun consumo responsable.

“Trátase dun proxecto de participación activa da poboación, encamiñado a implantar a cultura do Residuo Cero na comarca do Morrazo con actividades durante 1 ano, a través de alternativas como a compostaxe en vivendas” explicou Paula Vidal, a responsable de Amigos da Terra para o Proxecto Residuo Minimo.

Coa colaboración da empresa Recolte, a Mancomunidade aposta decididamente pola compostaxe dando a posibilidade de participar a 50 familias en cada concello. Deste xeito, 150 familias terán o seu propio composteiro nos seus xardíns e hortas, farán a súa compostaxe ecolóxica e obterán froitos de calidade dun xeito cómodo e sinxelo.

A materia orgánica supón entre o 30-50% do peso dos residuos sólidos municipais, e a grande maioría remata en vertedoiros ou incineradoras. Calcúlase que en Galicia se xeran uns 0,5 Kg/día (Eurostat 2014), o que significa 1,5 kg de residuos orgánicos  por cada familia media de 3 persoas ao día.

Con esta campaña, 150 familias lograrán reducir estes residuos orgánicos obtendo a cambio un abono de calidade, un recurso valioso para recuperar a fertilidade dos solos, os montes queimados ou os espazos naturais degradados. Para isto repartiranse,  de maneira gratuíta, un composteiro  a cada familia participante e un manual de compostaxe para coñecer máis do proceso. Os/as veciños/as contarán con asesoramento técnico personalizado a domicilio e por teléfono, por parte da técnica de Amigos da Terra.

Outro reto da campaña é o de reducir os residuos de envases da Mancomunidade, que constitúen preto do 20% do total. Galicia non consegue recuperar para a súa reciclaxe nin un 20% do total destes envases, que poderían ser reintroducidos no ciclo, dando lugar a novos envases e reducindo a espoliación de recursos, á vez que suporía un aforro económico para os concellos da Mancomunidade.

Por esta razón, outra liña de traballo clave desde o comezo da campaña é a presenza nas rúas. Durante 1 ano, cada mes visitaremos unha das vilas da Mancomunidade, colocando un espazo informativo no que poder informar á cidadanía e interactuar cos colectivos locais.

Ademais, para incluír ao público infantil, elaboraremos un programa educativo que achegará aos centros de ensino públicos un catálogo de recursos didácticos adaptados aos distintos niveis educativos. Estas propostas terán como obxectivo facilitar nas aulas o traballo e a reflexión sobre as problemáticas asociadas a xeración e xestión dos residuos que producimos no noso actual modo de vida e consumo, así como a promoción de alternativas que promovan a sostibilidade ambiental e o consumo responsable.

Máis información:

Paula Vidal, técnica de Amigos da Terra:  677 292 557 / info@residuominimo.com