Ir o contido principal

Protectora do Morrazo

A Protectora de animais do Morrazo é unha asociación sen ánimo de lucro fundada en 1993 coa finalidade primordial da defensa e protección dos animais mediante a recollida de cans abandonados, promover a súa defensa mediante campañas de concienciación, divulgación, e a xestión do noso refuxio.

A nosa actividade principal é o coidado, a todos os niveis, dos animais que viven no noso refuxio para conseguir que todos eles se sintan queridos e seguros. Aquí vivirán ata que consigan unha familia que os adopte de forma responsable e lles asegure un futuro feliz e unha vida digna.

A adopción dos nosos cans require dun coñecemento amplo dos adoptantes e o que será o novo fogar dos nosos animais. Trátase de lograr satisfacer as necesidades de ambos e que a relación que empeza sexa definitiva.

Por que estes requisitos? Porque a maioría dos nosos animais formaron no seu día parte dunha familia pero acabaron abandonados nas rúas, no campo ou arroxados a pozos. Todos eles foron preciosos cachorros que ao crecer perderon “a súa graza”. Todos eles necesitaron un tempo para os seus coidados e paseos que cada vez era máis difícil de atopar. Algúns foron obxecto de camadas criadas de forma irresponsable por particulares que ao final non se puideron colocar entre os amigos ou vender. Outros moitos deixaron de servir aos vergoñosos fins dos seus donos (caza, carreiras, pelexas…).