Fundada no ano 1984 pola Asociación Cultural Xiria, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) é hoxe unha das máis importantes manifestacións galegas, estatais e internacionais de espectáculos vivos que teñen o humor por bandeira.
A MITCFC leva 34 anos transformando Cangas e o seu particular patrimonio arquitectónico nunha vila-teatro que exhibe espectáculos nos máis variados espazos posibles: desde praias, xardíns e grandes espazos ata adros, capelas ou pequenas prazas nas que acoller a milleiros de espectadores de todas as idades e orixes xeográficas, reforzando así a aposta desta Mostra de que as vivas artes escénicas invadan a vida cotiá da vila.