Ir o contido principal

Recollida firmas da plataforma en defensa da sanidade pública de Cangas

FacebookTwitterShare
Recollida firmas da plataforma en defensa da sanidade pública de Cangas

Foron 5.150 as firmas recollidas durante estes últimos meses pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas. Firmas que plasman as inquietudes, enfados e indignación da veciñanza canguesa.

Desde a Plataforma notaron que a xente precisaba que estiveran na rúa, e así o fixeron. Sen necesidade de cores políticas e pola defensa do clamor de todos os veciños e veciñas que necesitan que a súa voz sexa escoitada por todas as institucións.

Para o Concello, o traballo realizado pola plataforma supón un insufle de moral importante. O Alcalde, Xosé Manuel Pazos, recorda que levan meses esperando a que o Conselleiro de Sanidade se digne a recibilos para tratar estas carencias históricas no Morrazo e neste Concello en particular.

"Todos sufrimos as mesmas carencias e necesidades por iso temos que seguir facendo forza. O Concello está disposto a que camiñemos xuntos. A Plataforma da veciñanza ten o apoio do Concello e o Concello ten o seu apoio".

Nos vindeiros días levaranse a cabo xuntanzas con grupos de nais para tratar os diferentes problemas do grupo de pediatría e non se descarta unha maior mobilización se as cousas seguen así. "É un mal froito dos recortes e que estamos a padecer todos e todas. O Conselleiro ten a obriga de escoitarnos e non imos escatimar esforzos. Imos dar a pelexa".

Para a corporación esta presentación de firmas é un primeiro paso. "Agora non queda máis que solicitar novamente unha entrevista co Conselleiro e planificar unha serie de actuacións a seguir ata que nos reciba. O que é un feito e que estas firmas van chegar onde teñen que chegar".