Ir o contido principal

Sorteo “Hai que” da exposición itinerante Contas claras de Cangas

FacebookTwitterShare
Sorteo “Hai que” da exposición itinerante Contas claras de Cangas

Despois da súa inauguración o xoves día 20 de abril no Auditorio Municipal e do seu percorrido polas distintas parroquias (Escola Vella de O Hío, Biblioteca de Coiro, Casa do Mar de Aldán e Biblioteca de Darbo), a exposición Contas Claras de Cangas estará dispoñible durante os meses de verán no hall do Concello.

A exposición, promovida dende a Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, pretende dar a coñecer o funcionamento das arcas municipais así como os investimentos realizados na actual lexislatura (ano 2016 e a previsión do ano 2017), facendo visibles e comprensibles os datos do orzamento municipal e abrindo un espazo de conversa e reflexión sobre os tipos de investimentos que realiza o Concello.

Os materiais expostos explican conceptos básicos para entender o funcionamento dos orzamentos así como a evolución histórica dos mesmos, cun apartado dedicado ás áreas de competencia dun concello, explicando os orzamentos, non só desde o punto de vista das cifras, senón tamén en clave espacial e temporal.

A exposición contaba cunha parte participativa na que, a través de fichas, a veciñanza podía facer as súas achegas. Esta consulta, baixo o nome “HAI QUE” serviu para ver cales son as demandas potenciais de investimentos na vila. Todas as persoas participantes entraron no sorteo de 10 entradas dobres para espectáculos no Auditorio e 5 abonos para a Mostra de Teatro.

O sorteo levouse acabo no día de onte, mércores 7 de xuño de 2017, e os números gañadores foron:

  • Abonos para a Mostra de Teatro: 602 / 978 / 605 / 526 / 600
  • Entradas dobres para espectáculos do Auditorio: 981 / 603 / 604 / 510 / 973 / 536 / 982 / 601 / 980 / 551

As persoas que resultasen premiadas deberán presentarse na Conserxería deste Concello provistas do resgardo da súa papeleta para comprobar a validez da mesma. O prazo de presentación de papeletas rematará o luns día 19 de xuño. Todas aquelas persoas que non se presenten deixarán o premio deserto, non podendo ser reclamado con posterioridade a ese día.