Ir o contido principal

Presentación da nova web do Concello

FacebookTwitterShare
Presentación da nova web do Concello

A nova web do Concello de Cangas xa está en funcionamento. Os encargados de presentala foron o concelleiro de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, Jesús Pérez Gallego, e Manuel Pan, representante da empresa Abertal encargada de levar a cabo este proxecto. Un proxecto que consiste nun novo xeito de comunicación coa cidadanía e que mellora a transparencia. Algo que non sería posible sen a colaboración e a implicación dos departamentos do Consisitorio. 

Ademais do novo Portal Cidadán, todas as persoas interesadas poden acceder á nova web de Turismo. Esta última conta cun deseño moi visual e está traducida  en tres idiomas: galego, castelán e inglés. “Descubre Cangas”, “Que facer”, “Lugares con encanto” e “Actividades” son as pestanas principais que se poden atopar e as que conteñen grandes doses de información; algo co que se pretende unha captación constante de turistas para así poder romper coa estacionalidade, xa que se irán incluíndo todas aquelas actividades que sexan de interese turístico. Para captar turistas da outra parte da ría tamén se incorporan os horarios dos barcos. 

Pola súa parte, o Portal Cidadán conta cun deseño moito máis práctico e accesible. Deste xeito, a veciñanza pode consultar dunha forma moi sinxela toda a información ou datos de contacto sobre as diferentes áreas que forman parte do Concello, sobre as xestións municipais, sobre as novas, eventos ou avisos; entre outros. Unha das novidades é a “Liña directa co Concello”, unha ferramenta que permite aos cidadáns escribir e dirixir suxestións directamente a calquera departamento do Consistorio.  A maiores, tamén existe a “Líña directa co Alcalde”, así como unha sección de “Avisos” dentro da área de Obras e Servizos.

Ámbolos dous portais incorporan a predición do tempo para Cangas. Sumanda a esta opción, na web de Turismo pódese consultar a sección de "mareas", algo moi importante para esta vila mariñeira.