Ir o contido principal

A exposición itinerante Contas Claras de Cangas trasládase á escola vella de O Hío do 4 ao 10 de maio

FacebookTwitterShare
A exposición itinerante Contas Claras de Cangas trasládase á escola vella de O Hío do 4 ao 10 de maio

Despois da súa inauguración o xoves día 20 de abril no Auditorio de Cangas, a exposición Contas Claras de Cangas, trasládase ao seu segundo emprazamento na Escola Vella de O Hío, onde permanecerá do 4 ao 10 de maio.

A exposición, promovida dende a Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, pretende dar a coñecer o funcionamento das arcas municipais así como os investimentos realizados na actual lexislatura (ano 2016 e a previsión do ano 2017), partindo de dous obxectivos principais:

  • Facer visibles e comprensibles os datos do orzamento municipal, un exercicio de transparencia de dentro para fóra.
  • Abrir un espazo de conversa e reflexión sobre os tipos de investimentos que realiza o Concello, sentando así as bases para pór en marcha uns orzamentos participativos.

Os materiais expostos explicarán conceptos básicos para entender o funcionamento dos orzamentos así como a evolución histórica dos mesmos. Existirá tamén un apartado dedicado ás áreas de competencia dun concello, explicando os orzamentos, non só desde o punto de vista das cifras, senón tamén en clave espacial e temporal.

A exposición conta cunha parte participativa na que, a través de fichas, a veciñanza poderá facer as súas achegas. Polo momento trátase dunha consulta que servirá para ver cales son as demandas potenciais de investimentos na vila. Esta actividade, que ten como nome “HAI QUE” convida a facer propostas de gasto, pero tamén a reflexionar sobre o equilibrio orzamentario, é dicir, a persoa participante deberá decidir se financia a súa proposta en base a novas partidas de ingreso ou axusta (recorta) outras xa existentes.

 A inauguración na Escola Vella do Hío terá lugar o xoves día 4 de maio ás 20:00 horas, estando o día 10 de maio, data na que seguirá o seu percorrido polas parroquias, seguindo por Coiro, Aldán e Darbo (nesa orde).

Ademais, a exposición estará acompañada de reunións presenciais cada xoves ás 20.00 horas, e contará dunha audioguía coa intención de facilitar a lectura da información ao maior número de persoas posible. Grazas a estes materiais a exposición será accesible, bastando cun teléfono móbil para acceder aos materiais audiovisuais.

Convidamos a toda a veciñanza e colectivos veciñais, culturais, deportivos, etc., e a todo o tecido asociativo a participar e asistir a esta exposición.