Ir o contido principal

A exposición itinerante Contas Claras chega á Confraría de Pescadores

FacebookTwitterShare
A exposición itinerante Contas Claras chega á Confraría de Pescadores

A exposición itinerante "Contas Claras" trasladarase o vindeiro luns 30 de outubro á Confraría de Pescadores de Cangas, onde permanecerá ata o 6 de novembro.

Esta mostra promóvese dende a Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo para dar a coñecer o funcionamento das arcas municipais, así como os investimentos realizados na actual lexislatura.

Os materiais expostos explicarán conceptos básicos para entender o funcionamento dos orzamentos e a evolución histórica dos mesmos. Existe tamén un apartado dedicado ás áreas de competencia dun Concello, explicando os orzamentos non só desde o punto de vista das cifras, senón tamén en clave espacial e temporal.

Ademais, a exposición conta cunha parte participativa na que, a través de fichas, a veciñanza poderá facer as súas achegas. Polo momento, trátase dunha consulta que servirá para ver cales son as demandas potenciais de investimentos na vila. Esta actividade, que ten como nome “HAI QUE” convida a facer propostas de gasto, pero tamén a reflexionar sobre o equilibrio orzamentario, é dicir, a persoa participante deberá decidir se financia a súa proposta en base a novas partidas de ingreso ou axusta (recorta) outras xa existentes.

Cabe mencionar que esta exposición xa estivo no IES Rodeira desde o 13 ao 20 de outubro, día no que foi trasladada ao IES María Soliño.