8 M - DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES
CONSELLO MUNICIPAL DE IGUALDADE
Do 6 de marzo ao 25 de novembro Exposición virtual “Proxecto Cangueiras 2026”
Proxecto de investigación da Asociación Cultural A Illa dos Ratos en colaboración co Concello de cangas encamiñado a dar a coñecer e poñer en valor a 12 mulleres destacadas e outras descoñecidas da nosa historia pasada e recente.
Sábado 7 de marzo
18:00 “Elas pintan moito” Teatro Migallas. Público Familiar. Sala de exposicións do Auditorio Municipal.
Sesión de contos e música en directo baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron. A través das artistas Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Kahlo e Yayoi Kusama, abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotián ata o da creación artística.
Durante a sesión, as nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba.
Esta actividade está financiada con Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Domingo 8 de marzo
10:00 Ruta “Historia das Mulleres de Cangas”. Asociación A Illa dos Ratos (inscrición previa no whatsapp 611080853)
12:00 Manifestación. Saída Praza do Concello
Lectura Manifesto do Consello Municipal de Igualdade a cargo de Nerea Nerga Rodríguez, compoñente da Asociación Asumcordas, educadora social especializada en xénero, traballadora na Asociación Xaruma e encargada de proxectos de apoderamento feminino en saúde mental . Palco dos Xardíns de Félix Soage
13:00 Pasarrúas Brassica Rapa. Culturactiva Música.
Andrea Mallou: Saxofón - María Prado: Trompeta - Maritza Ruan: Trompa - Paula López: Trombón - Xiana Naval: Trombón - Raquel Huete: Tuba - Julia Sanchez-Biezma: Caixa - Ainara D. Geada: Bombo
Brassica Rapa é unha brass band nacida a finais do 2017 buscando darlle unha volta á música de rúa. Formada íntegramente por rapazas, tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, coa que a festa está asegurada. Trompeta, trompa, dous trombóns, un saxofón alto, unha tuba, unha caixa e un bombo compoñen a súa formación, que pretende reivindicar a presenza da muller neste tipo de agrupacións a través da troula.
Martes 10 de marzo
9:20-14:00 Obradoiros da Campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual. Actividade concedida pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero. Ies Rodeira
19:30 Proxección do documental “Lola”. Auditorio Municipal. Organiza Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de agosto. Antonio Caeiro España / 91 min / Documental Ficha artística: Dolores Rodal Blanco Ficha técnica: Guión: Antonio Caeiro Fotografía: Xan Lourenzo, Eloy Puga Edición: O Faiado Produción: Antonio Caeiro, Margarita Teijeiro Sinopse: Lola reconstrúe a historia de Dolores Rodal Blanco, veciña de Cangas do Morrazo, quen con só quince anos viu como o golpe de Estado de 1936 destruía o seu mundo. Filla dunha familia de sindicalistas perseguidos, tivo que sobrevivir xunto á súa irmá pequena mentres os seus pais permanecían encarcerados e os seus irmáns eran asasinados ou forzados ao exilio. O filme, concibido como unha road movie, é unha viaxe física e emocional polos lugares da memoria da protagonista, que funciona tamén como un retrato colectivo daqueles anos, tanto no ámbito local como no nacional.
Sábado 14 de marzo
17:30-19:30h Obradoiro “Movéndonos cara o botrato”. Impartido por María Puga Fidalgo. Inscrición no CIM Cangas. cim@cangas.gal 986392268 Sala de exposicións do Auditorio.
Impartición dun obradoiro vivencial empregando a metodoloxía de Biodanza dirixido a mulleres encamiñado ao fortalecemento da autoestima e á promoción do botrato. Traballaremos a relación entre o bo trato e a saúde, incidindo na importancia das prácticas de autocoidado e na conexión co corpo e as emocións para o benestar e a autonomía. Con esta proposta buscamos afianzar a autoestima nutrindo as participantes de vivencias de vitalidade, afectividade e creatividade que posibiliten reescribir o seu argumento vital desde o bo trato, a saúde integral e a creación de relacións saudábeis e equitativas. Esta actividade está financiada con Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Sábado 21 de marzo
20:00h Teatro “Señores” De Ste Xeito. Auditorio Municipal
SEÑORES, unha comedia machirula De Ste Xeito
Señoras que actúan (por orde de intervención): Ana Fernández Sánchez, Nadia Geijo Doménech, Stephy Llaryora e Pepa Barreiro.
Señor que escribe e dirixe: Sergio Macías.
Sinopse:
Cecilia, Celia e Lía son irmás e non poden ser máis distintas. As súas vidas, traballos e relacións están moi afastados entre si. Aparentemente non teñen nada que ver, se non fose porque son trixemelgas trivitelinas concibidas nunha noite de liberación sexual a finais dos anos setenta.
Un día reciben a chamada de Carmen, a súa nai para acudir á casa familiar de Cabo Home durante a noite de san Xoan.
Señores é a historia dun reencontro entre catro mulleres e fala das cousas que viviron, as que esperan vivir, os medos, rancores e alegrías. Fala tamén de homes, señores que din, que opinan, que cuestionan, que critican, que se alían ou que acosan.
Señores é unha comedia que fala de irmás, de nais e fillas e de noites máxicas. Unha comedia feminista onde hai mulleres que fan de homes que din o que deben facer as mulleres.
- Log in to post comments



