O BALONMÁN BASE CANGUÉS MIRA AOS SECTORES NACIONAIS
O Concello de Cangas acolleu a presentación oficial de Tempo de Sectores, unha cita de especial relevancia para a base do balonmán cangués, que esta tempada contará coa participación de equipos do Club Balonmán Cangas e do Luceros en catro sectores nacionais.
No acto participaron representantes da corporación municipal, encabezados pola alcaldesa, Araceli Gestido, e o concelleiro de Deportes, Eugenio González, xunto a representantes do club, corpos técnicos e xogadores dos equipos participantes.
O Luceros chega a esta fase da tempada cunha destacada presenza nos sectores nacionais masculinos, tras proclamarse campión galego nas categorías xuvenil, cadete e infantil. A estes resultados súmase tamén a clasificación do infantil feminino do Club Balonmán Cangas, que disputará o seu sector nacional en Lanzarote.
Cangas será, ademais, sede de dous destes campionatos. O sector xuvenil masculino disputarase esta fin de semana no municipio, mentres que o sector cadete masculino terá lugar a próxima semana. Pola súa banda, o infantil masculino competirá esta fin de semana en Gijón e o infantil feminino fará o propio en Lanzarote, coincidindo co sector cadete masculino.
Desde o Concello de Cangas púxose en valor a importancia de que o municipio volva ser escenario dunha competición nacional de balonmán base, así como o traballo que hai detrás destes resultados: xogadores e xogadoras, familias, corpos técnicos, voluntariado e estrutura deportiva.
A presentación serviu tamén para recoñecer o papel do balonmán como parte da identidade deportiva de Cangas e como elemento de convivencia, formación e dinamización social. A presenza de catro equipos en sectores nacionais confirma o bo momento da canteira e o traballo continuado que se desenvolve desde as categorías inferiores.
O acto rematou cunha foto de familia co cartel oficial de “Tempo de Sectores”, símbolo dunha etapa especialmente ilusionante para o balonmán base cangués.
- Log in to post comments



