Ir o contido principal

Programación Auditorio Municipal

FacebookTwitterShare
Programación Auditorio Municipal

O pasado venres presentouse no Salón de Plenos do Concello a estupenda programación do Auditorio Municipal que corresponde especificamente á Rede Galega de Teatros e Auditorios e que se representarán en Cangas entre o 12 de marzo e o 20 de maio.

Neste primeiro semestre do ano presentaranse 5 espectáculos de calidade financiados ao 50% pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), representacións de "primeira categoría en idioma galego: "30 e tantos ósos", "A cabeza do Dragón", "Foucellas", "O Tolleito" e "Falar sen Cancelas".

A encargada de abrir este ciclo de funcións será Aporia Teatro con "30 e tantos ósos" o vindeiro domingo 12 de marzo ás 20:00 horas. Este é unha das contribucións aos actos do Día da Muller Traballadora, "un espectáculo de mulleres, feito por mulleres e con temática da muller". Baixo a dirección de Diana Mera e interpretado por Teté García, Diana Mera, Merche Pérez e María Roja narra a historia destas catro mulleres de 30 e tantos anos que "cansas de vivir agochadas baixo carcasas prefabricadas, adoptando condutas alleas, deciden transcender a pel e a carne a través da figura mítica da Loba, para chegar os seus ósos, á materia máis elemental, onde se inscribe a súa historia persoal e colectiva e se atopa, desterrado, o seu potencial máis vital e salvaxe".

O sábado 25 de marzo ás 21:00 horas chega Excéntricas coa representación de "A cabeza do Dragón", primeira obra de teatro en galego de Valle-Inclán, dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada por Quico Cadaval, María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Josito Porto e Patricia Vázquez. Trátase dunha fábula na que o autor introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, a corrupción política, a violencia machista, etc. "Valle-Inclán leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento".

Xa no mes de abril, o sábado día 22 ás 21:00 horas, chega a quenda a Talía Teatro coa representación de "Foucellas" baixo a dirección de Cándido Pazó e a marabillosa interpretación de Toño Casais, Dani Trillo, María Ordoñez e Artur Trillo. Unha historia sobre un maquis, un guerrilleiro, un dos últimos homes do monte, conxugando "ficción, mito e realidade".

O sábado 6 de maio ás 21:00 horas Contraproduccións presenta "O Tolleito", a obra de éxito deste ano e a que conta con máis nomeamentos aos premios María Casares deste 2017, baixo a dirección de Cándido Pazó e a interpretación de Santi Romay, Susana Dans, Ana Santos, Evaristo Calvo, María Roja, Marcos Pereiro, Ricardo de Barreiro e Luís Iglesia. Narra a historia da que "podería ser unha aldea galega pero é unha pequena illa irlandesa dos anos 30". Incorpora distintas personaxes características e curiosas, entre elas un tolleito que persegue un soño: "ser amado e valorado como calquera outro".

Por último, coincidindo coa semana das Letras Galegas, o sábado 20 de maio ás 21:00 horas, Culturactiva presenta "Falar sen Cancelas" de Diego Rey e coa interpretación de Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz. Trátase dun texto propio da xente que traballa e o conflito da lingua.

O prezo das entradas é de 8€ e para esta rede habilitouse o prezo reducido de 5€ para pensionistas, persoas xubiladas, demandantes de emprego, carné xove e estudantes. As localidades xa están a venda a través do portal www.ataquilla.com e o propio día da función dúas horas antes do comezo do espectáculo no Auditorio Municipal.