Presentación de Primavera en Ruta

Despois do éxito rotundo das rutas guiadas gratuítas do "Verán en ruta", "Sábados en Ruta", "Outono en Ruta", “Inverno en Ruta” e “Roteiro de Donón”, nadas da colaboración entre a Concellaría de Medio Ambiente e Turismo e "A Illa dos Ratos", nace un novo proxecto de colaboración encamiñado a manter as rutas que tan ben funcionaron en anteriores edicións do programa pero facendo algunhas incorporacións novas.
Mantéñense as rutas de "Massó: O sentir dun pobo", "O Facho: Gardián Milenario", "Cangas: Rúas con Historia", "Areamilla - Liméns: Senda Costeira", "Cangas 1617: A Defensa da Vila", “Intermareal: mar á vista” e “Roteiro azul de Donón” que tan boa acollida tivo entre as persoas participantes.
Como novidade incorpóranse dúas novas rutas: “Serra da Madalena” o sábado 22 de abril e “Hío, de pedra en pedra” o sábado 13 de maio.
Este novo proxecto levarase a cabo os sábados e domingos de abril e maio ás 11:00 horas, e ininterrompidamente entre o xoves 13 e o domingo 16 de abril, tamén ás 11:00 horas, coincidindo coa Semana Santa. Estas rutas continúan encamiñadas a seguir resaltando os recursos turísticos e culturais de Cangas a través dunha liña natural, histórica e medioambiental.
Desde a Concellaría de Medio Ambiente e Turismo agradecen o ímpeto, interese e predisposición de "A Illa dos Ratos" para realizar estas novas rutas que tan boa acollida tiveron durante as pasadas edicións e invitan a todas as persoas interesadas a inscribirse na Oficina de Turismo de Cangas (nos teléfonos 986 392 023 e 986 300 875 ou a través da e-mail turismo@cangas.gal).
- Log in to post comments