Ir o contido principal

Monográfico A Mangallona

FacebookTwitterShare
Monográfico A Mangallona

Desde a Alcaldía do Concello de Cangas acaban de adquirir distintos monográficos da Casa Museo Camaño Xestido A Mangallona para repartilos polas bibliotecas e centros de ensino da nosa Vila. O Alcalde, Xosé M. Pazos, aplaude esta iniciativa. "A arte ten que estar presente nas aulas dos nosos centros. Por este motivo agradecemos a Camilo e a Fundación polo seu traballo e pola súa colaboración".

Estase a estudar a firma dun convenio de colaboración fixo entre o Concello e A Mangallona para poder contribuír deste xeito a que a Fundación desenvolva o seu traballo. "Estamos moi orgullosos de que A Mangallona estea en Cangas e toca a nós seguir apoiando este traballo en beneficio dunha comunidade máis culta e máis libre".

Para Camilo Camaño, un dos artistas plásticos máis queridos na nosa comarca, a adquisición destes monográficos é un xesto fermoso. "Trátase dunha obra dispar pero moi enriquecedora, sempre encamiñada á utopía, á idea de que podo contribuír ao cambio da humanidade".

Catro son as pezas que compoñen este monográfico. "Arte e Natureza" é o seu primeiro caderno, seguido dun percorrido pola Mangallona. O terceiro representa unha andaina polo medio século de creación de Camilo Camaño e o cuarto mostra un análise da súa obra a través de retratos. Actualmente hai dúas publicacións máis enfornándose. Unha de retratos e autorretratos e outra con fragmentos do texto de Francisco de Pablos.

O máis importante é poder difundir este traballo e facelo accesible para poder achegarnos un pouco máis á Mangallona a través destas catro publicacións e as que veñen en camiño.