Ir o contido principal

Atalaia achega aínda máis a arte contemporánea ao pobo de Cangas

FacebookTwitterShare
Atalaia achega aínda máis a arte contemporánea ao pobo de Cangas

Continúa na Vila de Cangas o proxecto Atalaia e desta vez desembarca con dúas novas propostas, unha visita guiada ás exposicións do proxecto e uns obradoiros na praza de abastos.

O vindeiro venres 31 de marzo ás 12:00 horas no Auditorio de Cangas, terá lugar unha visita guiada da man do Comisario de Atalaia, Francisco Porto, á exposición Noroeste na que participarán tamén o Alcalde do Concello de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, e as artistas da mostra. Á visita está convidada toda a veciñanza da Vila, prensa e todo aquel público xeral que desexe unirse á mesma.

Xa pola tarde do venres, na Capela do Hospital de Cangas, terá lugar a presentación das pezas e proxectos das artistas que expoñen en Atalaia. A presentación comezará a partir das 17:00 horas. O evento é gratuíto e aberto ao público.

Ademais o sábado 1 de abril en horario de 12:00 a 14:00 horas terán lugar 3 obradoiros no segundo andar da praza de abastos: “Recicla e Crea” por Adrián Cevert, “Constrúe o teu Xardín Contemporáneo” por Yatir Fernández e “Iniciación á Arte Contemporánea” por Francisco Porto. Os dous primeiros impartidos por artistas para todo o público infantil e o terceiro un obradoiro complementario para as persoas adultas. Todos os obradoiros son gratuítos e só fai falla presentarse na propia praza de abastos media hora antes do seu comezo.