Ir o contido principal

Afundación e ABANCA asinan co Concello de Cangas un convenio de colaboración cultural

FacebookTwitterShare
Afundación e ABANCA asinan co Concello de Cangas un convenio de colaboración cultural

O Concello de Cangas vén de asinar esta mañá na Casa do Concello un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica «Oficios entre lusco e fusco», de Xosé Abad, incluída no proxecto Corrente Cultural, mediante o cal, Afundación impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela; o director da oficina ABANCA de Cangas, Pedro San Millán Lago; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, foron os encargados de ratificar, mediante rúbrica, a colaboración das entidades. A exposición, que recolle o traballo fotográfico de Xosé Abad, é unha reflexión sobre a desaparición de múltiples oficios por mor da mecanización do traballo e a produción en masa. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse entre o 5 e o 30 do vindeiro mes de setembro.

A MOSTRA E O ARTISTA

«Oficios entre lusco e fusco» conta a través da fotografía a historia de cada protagonista. Emprega a luz, a mirada, a roupa, o traballo e todos os elementos que reflicten o modo de vida nun momento de cambios e novidades tecnolóxicas diarias, de consumo rápido e fabricación urxente. O traballo de Xosé Abad permite contemplar moitas profesións que, dentro de poucos anos, só permanecerán nos libros de historia. En definitiva, esta serie eríxese como un «derradeiro raio de luz antes de que o saber, a súa influencia e xeito de entender o mundo desapareza». O autor emprega un esquema de iluminación acorde con ese intre do día que, ademais, nomea a propia mostra. Cuns claroscuros que recordan a obra de Caravaggio, Xosé Abad suxire espazos e ferramentas, define o lugar de traballo, documenta a presenza de universos onde se funden o privado e o laboral. «Oficios entre lusco e fusco» é testemuño gráfico dos derradeiros tempos da coexistencia de dous xeitos de produción moi diferenciados. É, pois, a documentación da desaparición gradual do «traballo ben feito, a personalización do trato e a orixinalidade de cada peza».

Xosé Abad, nado en 1956, iniciou a súa andaina profesional como fotoxornalista en diversos medios de comunicación na década dos oitenta. A súa obra expúxose en diversas localidades galegas e en diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diferentes premios polo seu traballo e traxectoria. Así mesmo, o artista colaborou en proxectos de diferentes ONG galegas e latinoamericanas. Desde o seu estudo realiza traballos de fotografía industrial e publicitaria, moda ou retrato. Como fotógrafo foi galardoado no I Certame de Creación Fotográfica Luís Ksado ou co Premio Pardela de Comunicación á traxectoria profesional, entregado polo Club de Amigos da UNESCO. Na súa actividade cinematográfica dirixiu varios documentais premiados en diferentes certames, sendo os máis actuais Isaac, O segredo da Frouxeira e A pegada dos avós.