Ir o contido principal

Xuntanza Ecoembes

FacebookTwitterShare
Xuntanza Ecoembes

A Concelleira de Medio Ambiente xunto con persoal do departamento (Marta Garrido) acudiron onte á Sede da Delegación da Xunta de Galicia na cidade de Vigo a unha xuntanza con membros de Ecoembes, a Directora Xeral de Calidade Ambiental da Xunta e responsables e técnicos municipais de medio ambiente doutros concellos galegos.

Os membros de Ecoembes e a Responsable da Xunta explicaron as principais novidades do novo Convenio para a recollida selectiva dos colectores amarelos. Nesta ocasión, expuxeron tamén os resultados máis significativos do estudo de cuantificación de oportunidades sobre reciclaxe de envases de Galicia; sendo o resultado máis salientable que a maior parte da veciñanza non coñece tódalas posibilidades do colector amarelo que, ademais de plásticos, tamén acepta latas, bricks, bandexas de espuma (as bandexas alimentarias que se atopan nas carnicerías, por exemplo) e latas de conservas e bebidas.

Nesta xuntanza a Concelleira de Medio Ambiente, Tania Castro, achegoulle tódalas queixas que a veciñanza fixo chegar ao Concello así como as deficiencias no servizo que dende o Departamento se observan. “Dende comezos da lexislatura vimos reclamando, tanto a Recolte como a Ecoembes directamente, a necesidade de implantar colectores de recollida selectiva nas parroquias. A nosa veciñanza non pode reciclar porque non se lles facilita este servizo.” Ao comentario dunha membro de Ecoembes que expuxo os resultados dunha enquisa realizada pola empresa como que “cabe resaltar un dato: as persoas de entre 16 e 34 anos non reciclan e, preguntados, poñen como escusa non ter colectores específicos cerca ou que lles quedan lonxe” a Concelleira contestou que “non é unha escusa, como acaba de expoñer, é unha realidade, a lo menos en Cangas, pois os colectores de reciclaxe nas parroquias son deficitarios e no casco urbano non están ben situados polo que a veciñanza ten que facer un esforzo extra. Non é unha escusa é unha realidade que solicitamos que se solvente xa. Vimos reclamando, ao longo de todo este tempo, 8 colectores de papel e 8 colectores de plástico que nunca dan chegado, minguando así as posibilidades de reciclaxe das parroquias. Sabemos que dotar desta infraestrutura é esencial para facer de Cangas unha vila máis respectuosa co medio ambiente”.

A esta afirmación, os responsables de Ecoembes admitiron que teñen coñecemento destas necesidades e dos múltiples requirimentos remitidos e que por ese motivo se fixo un estudo na Universidade de Vigo con respecto ao servizo de reciclaxe na Comarca no que quedou claramente plasmado que esta necesidade que lles transmitiu a concelleira é certa. Mostráronse receptivos a entregar unha copia do estudo da Universidade ao Concello de Cangas e indicaron tamén que o pedido de colectores que Cangas lles ten feito foi tramitado a finais de Decembro, comprometéndose a entregalos en canto cheguen. “O Concello precisa que as promesas se convertan en realidades para seguir potenciando a reciclaxe e que, entre todas e todos, poidamos contribuír a rebaixar o gasto de 800.000 € na xestión de residuos”.