Ir o contido principal

Reunión coa Policía Autonómica

FacebookTwitterShare
Reunión coa Policía Autonómica

A Concelleira de Medio Ambiente e Turismo reuniuse hoxe co grupo especializado en incendios e verteduras da Unidade de Policía Adscrita da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia con motivo das numerosas verteduras incontroladas que se detectaron no termo municipal. “Foi unha reunión moi produtiva na que o grupo especializado prestouse a axudar a minimizar as verteduras nos montes posto que estas supoñen un agravante na probabilidade de conatos de incendios e poden ser, en si mesmas, puntos de inicio de incendios”.

Na reunión, a Concelleira de Medio Ambiente, Tania Castro, fíxolles saber a preocupación e implicación que as Comunidades de Montes teñen por este asunto posto que, moitas veces, esas verteduras son feitas en terreos comunais. Falouse tamén de temas concretos que teñen acontecido reiteradamente en montes como é o caso do monte de Coiro na zona de Auga Levada, na que se detectaron cambios de rasante sen autorización e verteduras de escombro.

“Quero lembrar que existe un Punto Limpo gratuíto a escasos 100 metros destes puntos de vertedura incontrolada aberto de martes a sábado de 9:00 a 13:00 horas e os Xoves de 15:00 a 19:00 horas no que recollen todo tipo de aveños e para usalo só teñen que levar consigo un recibo do lixo. Para o tratamento de escombro teñen un xestor autorizado, tamén a escasos 100 metros dese punto, que recolle estes residuos. Temos que ser conscientes da necesidade de respectar, primeiro á veciñanza e á nosa mocidade, xa que deixando lixo no monte estamos prexudicando á nosa xente e estamos legándolle á mocidade montes contaminados que contaminan as augas e as terras que cultivamos. Respectar o entorno, para que Cangas sexa e pareza unha vila digna de visitar.”

A Policía Autonómica, tendo en conta a gravidade do asunto, procederá a patrullar máis intensivamente os montes do concello e realizará informes das situacións irregulares que detecten. “Pola miña parte, agradecer, tanto ás Xuntas Directivas dos Montes Comunais de Cangas pola labor que realizan como ao grupo da Unidade de Policía adscrita que non dubidou en acudir a axudar neste asunto á Policía Local que se esforza día a día en cumprir co seu cometido.” 

A Concelleira solicita a colaboración da veciñanza para que avisen no momento no que detecten a persoas cometendo esta infracción.