Ir o contido principal

Inicio dun novo Obradoiro de Emprego Forestal que está a poñer en marcha o Concello de Cangas

FacebookTwitterShare
Obradoiro de emprego forestal Granxa da Rúa VIII

O Concello de Cangas recibiu esta semana unha subvención da Xunta de Galicia para poñer en marcha un novo OBRADOIRO DE EMPREGO FORESTAL, denominado GRANXA DA RÚA IX, que terá unhas características similares ao que xa rematou en agosto deste ano.

As persoas desempregadas que estean interesadas en participar nel como alumnas- traballadoras deben solicitalo o antes posible na Oficina de Emprego de Cangas, xa que a sondaxe de candidatos/as preseleccionados/as se vai realizar en breve.

En concreto, o Obradoiro de Emprego está dirixido a un total de 20 persoas en situación de desemprego (10 por especialidade), que serán contratadas polo Concello de Cangas na modalidade de contrato para a formación, por un período de nove meses e a xornada completa. Durante este tempo recibirán a formación teórico- práctica prevista nos certificados de profesionalidade, alternándoa ademais co desenvolvemento de traballos reais en diferentes espazos forestais das Comunidades de Montes do municipio.

Vanse impartir dúas especialidades do ámbito Forestal, compostas dos certificados de profesionalidade seguintes:
- Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, na que participarán 10 alumnos/as traballadores/as.
- Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural, na que participarán 10 alumnos/as traballadores/as.

Así mesmo, neste días a Oficina de Emprego de Cangas realizará tamén a sondaxe e preselección do persoal docente e de coordinación que vai contratar o Concello para desenvolver o proxecto, formado por un total de 4 traballadores/as.

Para ampliar información ou aclarar dúbidas, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa de Oficios do Concello (986304650), na Avda. de Bueu, 15, entresollado.