ADIANTO FESTAS DO CRISTO 2026
O Concello de Cangas vén de avanzar o primeiro gran bloque da programación das Festas do Cristo 2026, que se celebrarán do 21 ao 31 de agosto e que volverán converter a vila nun dos grandes puntos de encontro do verán no Morrazo. A proposta, que aínda ten nomes, actividades e novos contidos por desvelar, comeza a debuxar unha edición ampla, popular e ambiciosa, construída arredor da música galega actual, da verbena, da tradición, da cultura popular, das propostas familiares e dos actos centrais vencellados ao Cristo do Consolo e á Virxe do Carme.
As primeiras confirmacións sitúan no cartel a Grande Amore, Rebeliom do Inframundo, Nadie González, Nékrora, Alana, Nacho · Faia · Lar, A Gramola Gominola ou A Duendeneta, nun avance que fala dunha festa viva, diversa e conectada co presente. Do rock galego máis arriscado, acelerado e distorsionado de Grande Amore á forza colectiva de Rebeliom do Inframundo, entre o rap, a electrónica e a tradición galega; do universo de palabra, electrónica e raíz de Nadie González á música tradicional galega atravesada pola electrónica, o pop e o baile de Alana; da relectura contemporánea de Zeca Afonso entre a canción, a improvisación e a electrónica de Nacho · Faia · Lar ao punk rock cangués de Nékrora, o Rock&Roll en galego para público cativo da Gramola Gominola ou as sesións dos DJs de A Duendeneta, as Festas do Cristo comezan a debuxar unha primeira fotografía musical que vai máis alá da suma de nomes e que reforza a vontade de ocupar a rúa desde linguaxes distintas, pero cunha mesma idea de celebración compartida.
A música de verbena e baile volverá ter tamén un papel destacado nesta edición, coa presenza de formacións como Nueva Fuerza, Saudade, ASSIA, Gran Parada ou Claxxon Tour. O programa combinará así propostas pensadas para públicos e xeracións diferentes, mantendo esa convivencia propia das festas populares entre os grandes concertos, as orquestras, as sesións festivas e os formatos que fan da rúa o seu escenario natural.
A programación cultural incorporará tamén a actuación da Banda de Música Belas Artes no Palco de Música da Alameda, nun ano especialmente simbólico no que tanto a formación como o propio palco cumpren 100 anos. A coincidencia dos dous centenarios converte esta cita nun encontro entre música, memoria e patrimonio local, recuperando un dos espazos máis recoñecibles da vila arredor dunha entidade profundamente vinculada á vida cultural de Cangas. A programación familiar e para público cativo ocupará tamén un lugar propio dentro deste primeiro avance, con propostas como A Gramola Gominola, Teatro Calavera con A festa da Iguana ou As almofadas soñadoras, de Dani Blanco. As Festas do Cristo volverán integrar así Rock&Roll en galego, teatro, humor, monicreques, música, maxia, teatro de obxectos, circo, narración oral e propostas participativas, entendendo a celebración como un espazo interxeracional no que tamén as crianzas forman parte activa da vida cultural da vila.
A cultura popular será outro dos eixos da programación. O Festival Tromentelo contará co seu propio espazo no arranque das festas, mentres que a comparsa de cabezudos xunto a A.C. Lembranzas da Ría, un dos pasarrúas a cargo de Os Patajullos, o Festival Folclórico Pais de San Roque ou o festival “Así Canta Cangas: V Memorial Tucho Perete” reforzarán a presenza do tecido cultural local e das expresións tradicionais que forman parte da memoria colectiva do Cristo. Nesa liña, a festa volverá construírse desde a música, o movemento, a participación veciñal e a presenza de colectivos que manteñen viva a identidade cultural de Cangas.
Os actos centrais arredor do Cristo do Consolo e da Virxe do Carme manterán a súa importancia dentro da programación, coa tirada de fogos, o pregón a cargo dunha persoa representante da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, a Queima de Damas e Galáns, a misa solemne, a procesión, o canto do himno do Cristo, a Salve Mariñeira e o espectáculo pirotécnico. No Día do Carme (luns 31), ademais, a Praza da Constitución acollerá tras a misa unha homenaxe á Virxe do Carme e ás xentes do mar, organizada pola Cofradía da Misericordia Gremio de Mareantes coa colaboración do Concello de Cangas, con lectura de poemas, a intervención dun mariñeiro xubilado sobre a vida no mar e a actuación do Coro María Soliña. Trátase dun bloque esencial dentro das festas, no que conflúen tradición relixiosa, cultura mariñeira, participación popular e algúns dos momentos máis recoñecibles para Cangas.
A imaxe das Festas do Cristo 2026, obra de Iago Comedeiro, acompaña este primeiro avance cunha proposta visual de forte personalidade, alegre e festiva, construída a partir de elementos vencellados á identidade canguesa. O cartel reúne referencias ao Reloxo de Guitián, ao mar, ao Facho, aos fogos artificiais, ao Palco da Alameda Vella, aos cabezudos, ao sol da bandeira de Cangas, á danza de Darbo, á serea do Galeón, á caracola de Donón e á música tradicional, cunha gama cromática inspirada nas cores propias da vila.
Esa mesma idea estará presente tamén na liña audiovisual coa que o Concello acompañará a comunicación das Festas do Cristo: unha mirada sobre Cangas construída a partir de testemuños de veciñas e veciños, localizacións recoñecibles e elementos simbólicos que conectan directamente coa proposta gráfica do cartel. Do deseño á imaxe en movemento, as festas preséntanse este ano como un relato colectivo no que a vila volve mirarse a si mesma para celebrar o que é, o que lembra e o que comparte.
- Log in to post comments



