Aldán acolle o Campionato de Galicia de Marcha en Ruta
A parroquia de Aldán acollerá este domingo en horario de 11:00 a 14:00 horas o Campionato de Galicia de Marcha en Ruta, organizado pola Federación Galega de Atletismo xunto coa colaboración do Club Atletismo Vila de Cangas. Nel haberá 90 participantes distribuídos en diferentes categorías: benxamín, alevín, infantil, cadete - sub 16, xuvenil – sub 18, junior – sub 20, promesa – sub 23, sénior e veterano.
Trátase dunha das competicións máis importantes de marcha en ruta, sendo a antesala do Campionato de España, que se desenvolverá dentro de 15 días.
Ao acto de presentación deste evento acudiron o concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o adestrador da Selección Galega de Marcha, Carlos Morales, e a presidenta do Club Atletismo Vila de Cangas, María Carmen Parada.
Hornillos quixo agradecer a colaboración en todo momento do Concello de Cangas, así coma ao club citado con anterioridade: “son dous referentes, un binomio que da seguridade, garantía e tranquilidade. Agradecemos que este pobo se comprometa a facer que Cangas sexa un punto de referencia no mundo do atletismo. Xogamos na casa”.
Deportistas coma Roberto Vieiro, Marcos Cintrón, Antía Chamosa, Leire Aranburu, Iria Iglesias, Brais Prieto ou José Fernández Nieves daranse cita ese día, perfilándose coma uns dos favoritos para acadar a vitoria.
O circuíto circular desenvólvese desde a explanada do peirao ata o Colexio da Sagrada Familia de Aldán.
- Inicie sesión para enviar comentarios



