Pasar al contenido principal

Edición de novos mapas do concello de Cangas

FacebookTwitterShare
Edición de novos mapas do concello de Cangas

A Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo e a Concellaría de Turismo e Medio Ambiente veñen de presentar un total de cinco novos mapas que servirán para divulgar os atractivos turísticos da localidade e da contorna do Morrazo, para mellorar a mobilidade entre a veciñanza e fomentar o acceso a pé aos diversos lugares ou establecementos da vila.

O mapa turístico e o rueiro do centro están dirixidos aos turistas e á cidadanía en xeral, posto que se pretende que esta última coñeza mellor o seu territorio. Mostra disto é o reflexo de lugares que, historicamente, non foron moi divulgados pero que si constitúen e forman parte do patrimonio histórico, cultural e/ou medioambiental de Cangas. Un exemplo disto son os viñedos na duna de Viñó.

Asemade, o "mapa para descubrir Cangas" tamén inclúe lugares como o complexo industrial de Massó, a antiga salta, os faros, as gamelas de Nerga, o petróglifo Laxe do Chan, a escaleira da Canexa de Moaña, a Cruz de Ermelo de Bueu ou as Illas Cíes, entre moitos outros puntos de interese.

Pola súa banda, o rueiro mostra zonas ou fitos arquitectónicos como a Praza de Abastos, o cemiterio, o Reloxo, as Naves de Ojea, o Dique, "O Pirulo" de Rodeira, a cetárea, os xulgados, os aparcamentos..., sendo esta só unha breve mostra do que se expón no mapa.

Desde o punto de vista da mobilidade, creáronse o "aparca e camiña", o "metro minuto" e o "transporte metropolitano". O primeiro deles reflicte os puntos de acceso a Cangas, todos os aparcamentos da vila e indica a fórmula para aforrar minutos e non xerar tráfico no centro: deixar un vehículo nun estacionamento “no que, a pesar de estar un pouco lonxe do destino, case sempre hai sitio. Con menos coches camiñar é máis agradable”.

O denominado “metro minuto” tamén convida a unha reflexión para demostrar que moitos lugares que parece que están lonxe non o están tanto e aos que se pode chegar andando: "algúns itinerarios forman parte da nosa vida cotiá e cando os facemos a pé ou en bici contribuímos a mellorar a nosa saúde, reducir a nosa pegada ecolóxica e reducir accidentes". Polo tanto, inclúense tempos e distancias para desprazamentos comúns, rutas de tempo libre e sendeirismo, esparcemento e deporte.

Por último, o “transporte metropolitano de Cangas” inclúe rutas de transporte colectivo: de barco, autobús e tren (do que indica que se pode coller en Vigo e Pontevedra). Tamén se recolle a relación de opcións que hai para chegar aos aeroportos da comunidade autónoma.

Todos estes mapas pódense atopar na web (sección Turismo – guías turísticas):http://cangas/gl/areas/turismo/descobre-cangas/guias-turisticas. Concretamente, do “mapa para descubrir Cangas” e do rueiro imprimíronse arredor de 20.000 exemplares para as sedes municipais e para repartir entre a hostalaría.