Pasar al contenido principal

Comunicado Concellería Servizos Sociais, Sanidade e Igualdade

FacebookTwitterShare
Comunicado Concellería Servizos Sociais, Sanidade e Igualdade

En relación a unha noticia publicada o 12/01/2017 nun medio de comunicación local queremos amosar o noso rexeitamento ao modo de tratamento da historia, cun alto contido de machismo e falta de respecto pola vítima.

Desde o principio a nota de prensa está redactada cun ton cómico, xustificando o supostamente ocorrido como “unha noite de escándalo e moito beber alcol”, a maiores de querer xustificar os actos co feito de consumir alcol, céntrase o foco da noticia en que foi a muller quen esixiu ou pactou algo, dirixindo a crítica social cara ela.

En todo momento a noticia trata de xustificar un suposto caso de violencia machista e abusos sexuais, retirando o centro de atención dos lamentables feitos ocorridos e querendo facer ver a vítima como culpable.

Con respecto ao final da noticia, hai un dato que se obvia e non se analiza na súa profundidade, que é a existencia dunha orde de afastamento, é difícil de crer que unha xuíza ou xuíz decreten unha orde de afastamento se non se detecta que existen indicios dun risco cara a integridade da vítima.

A retirada de denuncias forma parte do proceso de violencia machista, pero isto non indica que non exista tal violencia, xa que as situacións persoais das vítimas non soe ser doada e poden existir múltiples causas que contribúan a que non se siga co proceso xudicial.

Son este tipo de tratamento das novas as que dificultan máis e non axudan nada a acabar coa violencia machista na nosa sociedade, normalizando un feito que para nada é normal. Os medios non deberían tratar frivolamente este tipo de novas nin contribuír con estereotipos sexistas que alimentan a cultura patriarcal e as súas formas de expresión.