Pasar al contenido principal

Marexada de mulleres

FacebookTwitterShare
Marexada de mulleres

O IES María Soliño albergou a presentación dunha actividade orientada a homenaxear e reinterpretar ás mulleres artistas denominada como “Marexada de Mulleres”. Neste acto estiveron presentes o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Tomás Hermelo, e as coordinadoras desta iniciativa, Paula Cabaleiro e Basilisa Fiestras.

Con ela preténdese que o alumnado do bacharelato de Belas Artes (do xa citado centro de ensino) participen durante os días 15 e 16 de maio nun obradoiro que contará cun módulo teórico e outro práctico. “Trátase dunha proposta que quere pór en valor ás mulleres que están ocultas ou que foron invisibilizadas na historia”, explica o concelleiro.

Nun primeiro momento, o alumnado descubrirá “as primeiras creadoras que puideron dedicarse á arte de forma profesional, así como aquelas outras que o fixeron sempre á sombra dun home. Asemade, coñecerán artistas contemporáneas actuais de referencia”.

Despois disto, levarase a cabo a realización colectiva dunha pintura mural. Nesta reflectiranse os mares galegos, facendo así unha chiscadela á obra da artista brasileira Sandra Cinto.

Desta maneira, tamén se homenaxeará a todas as mulleres “redeiras e traballadoras do mar, incorporando os seus nomes na marexada, xunto ao de mulleres artistas da historia da arte”. De feito, as e os participantes poderán incluír a todas as personaxes femininas ás que lle queiran render tributo.

Cómpre dicir que esta actividade pertence ao proxecto “Contando a historia con elas, as artistas”, dentro do que se recollen talleres creativos participativos.  

Descargas