Apertura do curso escolar no CEIP Espiñeira
Tras meses de vacacións, centos de rapaces e rapazas de toda Galicia volveron aos colexios para iniciar o novo curso escolar. Aquí en Cangas, un dos centros referentes foi o CEIP Espiñeira de Aldán, posto que nel realizouse un acto de apertura de curso ao que acudiron o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César A. Pérez Ares, o concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C. Chillón Iglesias, a concelleira de Obras e Servizos, Mercedes Giráldez, o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Tomás Hermelo; así como membros da ANPA.
Trátase dun centro escolar que este ano conta con, aproximadamente, 85 matrículas, unha cifra que vai aumentando ano tras ano. Unha das novidades e un dos factores que está provocando que moitas nais e pais de Cangas decidan matricular os seus fillos e fillas nesta escola é o seu proxecto escolar, un plan no que se modifica o espazo e o tempo de aprendizaxe clásicos. Agora, diferentes cursos poderán compartir aulas, algo que provocou obras de apertura no colexio durante os anteriores meses.
Uns cambios nos que se definirán novos roles entre o profesorado e o alumnado, fomentarase a colaboración entre todos e todas e cos que se pretende avanzar coa realidade, o que inclúe profundar na alfabetización dixital e na robótica e programación. Preténdese crear un alumnado moito máis crítico, creativo e autónomo. “É algo enriquecedor, temos unhas perspectivas moi boas para este comezo de curso. Ademais, contamos co apoio dos pais e nais”.
Na apertura de hoxe tamén se realizou unha visita polas instalacións do edificio, que xa conta con aulas conectadas e no que, recentemente, o Concello realizou diversas tarefas de mantemento: pintado do centro, arranxo de gretas e tellas. Algo que supuxo unha inversión de 21.000 euros. Sumado a todo iso, Pérez Ares comprometeuse a arranxar as ventás do centro educativo a longo prazo.
- Inicie sesión para enviar comentarios