Pasar al contenido principal

Presentación da VIII Regata Ría de Aldán K4-C4

FacebookTwitterShare
Presentación da VIII Regata Ría de Aldán K4-C4

A VIII edición da Regata Ría de Aldán K4-C4 terá lugar o vindeiro martes, día 25 de xullo. Hoxe realizouse a presentación do mencionado evento, á que acudiron o concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón Iglesias, e o presidente do club organizador (Club Mar Ría de Aldán), Gusto A. Marcelino Canosa.

Trátase dunha regata de primeiro nivel da liga ríos e travesías, unha proba que se vén realizando desde bastantes anos atrás. Actualmente cóntase con 384 participantes, pero agárdase chegar aos 400. Convén recordar que a inscrición é gratuíta.

O horario será de mañá: espérase empezar ás 11:00 horas no peirao da Ría de Aldán e a partir das 14:00 horas levarase a cabo a entrega de premios. As categorías das que consta son catro: cadete, xuvenil, sénior e veterano. Produciranse saídas cada 45 minutos e, unha das novidades desta tempada, consistirá na realización dun porteo xusto onda a chegada, a 500 metros da praia.

Chillón aproveitou a ocasión para convidar aos afeccionados, á veciñanza e a todos os visitantes a que se animen a acudir e gozar dun “evento que é espectacular e que seguro mobiliza a moitas persoas”.

Os participantes son xente federada e preparada, posto que pertencen a clubs de toda Galicia, algúns dos máis representativos de toda a comunidade.

Esta VIII Regata Ría de Aldán consta da designación “Memorial Manuel Marcelino” na honra e lembranza do fundador e promotor do Club Mar Ría de Aldán.

A organización da proba conta coa colaboración do Concello de Cangas, Hermanos Gandón (patrocinadores do club organizador), Deputación de Pontevedra, Fundación Deporte Galego, Galicia Saudable, Abanca.