Pasar al contenido principal

III marcha BTT bike ou non vai

FacebookTwitterShare
III marcha BTT bike ou non vai

O Clube “Bike ou non vai” leva anos traballando coa Concellaría de Ensino e Deporte, alternando a marcha Angelman coa BTT, e nesta ocasión acolle unha iniciativa solidaria en cooperación coa Asociación Agaela. O evento, que se levará a cabo este domingo día 25 de xuño, conta coa colaboración dos concellos de Cangas, Bueu e Moaña. 

O percorrido é un mixto das dúas edicións anteriores, saíndo ás 9:30 horas da Alameda Vella de Cangas e seguindo polo Forte, Aldea de Arriba, Verín, San Blas, Camiño de San Cosme, Carballal de Coiro, Monte Aberto, Broullón, O Judelo, Chans de Cela e volvendo por Paralaia,Monte Aberto, Coiro, Meixoada, a Cruxeira, Gondarán, A Rúa, Espírito Santo e xa polo carril bici desde a Casa da Cultura ata chegar á nave náutica de Cangas.

Ás 225 persoas inscritas percorrerán uns 35 km de dificultade media, con hora de chegada á meta ao redor das 12:30 horas. A inscrición rematou o luns 19 pola noite e neste momento estanse a verificar todas as inscricións. Haberá agasallos para todas as persoas participantes e uns pinchos ao remate.

Ernesto Rueda, presidente do club ciclista “Bike ou non vai” está “encantado con esta colaboración con Agaela”.  “Todo esforzo e pouco” e non descarta organizar máis eventos xuntos.

Pili Guimeráns, en representación de “Tino”, mostrou o seu agradecemento ao club pola súa “xenerosidade, apoio e a súa colaboración tanto polo aporte económico como pola visibilidade que dá desta enfermidade”. Hoxe, no Día Mundial da ELA, recorda o importante que é “seguir alzando as voces para reclamar investigación nunha enfermidade na que o tempo xoga na contra de todos os enfermos/as. A ELA aboca á soidade, ao esquecemento e ao illamento. Investigación=Solución. Non máis mortes pola ELA”.

O Concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón, aplaude a dimensión solidaria deste evento, sempre da man dos hábitos saudables, “unha marcha que toca o tema social, deportivo e humano”. Animamos á veciñanza a acompañarnos nesta fermosa iniciativa solidaria.