Renovación do equipo informático da Biblioteca Central
Desde onte, a Biblioteca Central da Casa da Cultura conta cunha renovación dos equipos informáticos postos á disposición da veciñanza, algo que corrobora o compromiso do Concello para mellorar as prestacións ás persoas usuarias. En total, son tres ordenadores os que se substituíron, posto que os antigos xa estaban obsoletos, e cos novos ofrécese unha tecnoloxía máis moderna e potente.
Nos vindeiros días tamén se procederá á instalación de catro computadores nas bibliotecas municipais de Aldán, Darbo, Coiro e O Hío; sendo un dispositivo para cada centro.
Esta acción, impulsada pola Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, está encamiñada a facilitar o acceso da cidadanía ás novas tecnoloxías, posto que hai moitas persoas que se acercan a estas dependencias municipais para facer consultas na rede.
Sumado a isto, o concelleiro Jesús Pérez Gallego, pon énfase en que a través desta actualizada rede de ordenadores establécese un soporte para que todas aquelas persoas que non dispoñan de dispositivos electrónicos ou conexión a Internet nas súas casas teñan a posibilidade de tramitar os procedementos administrativos de forma telemática: “A sede electrónica estase impoñendo e queremos que a veciñanza conte cos medios necesarios para poder acceder á mesma”.
- Inicie sesión para enviar comentarios