Pasar al contenido principal

Votación para escoller os festivos locais de Cangas

FacebookTwitterShare
Votación para escoller os festivos locais de Cangas

Este domingo, día 27 de maio entre as 10:00 e as 19:00 horas, terá lugar a votación para que as persoas censadas en Cangas maiores de 16 anos escollan os festivos locais da vila para os anos 2019, 2020 e 2021.

A cidadanía poderá exercer o seu dereito a sufraxio nas bibliotecas parroquiais do Hío, Aldán, Coiro e Darbo ou na entrada do edificio do Concello, en Cangas. Grazas ao censo universal será indiferente o lugar ao que se acuda, posto que cada individuo contará coa posibilidade de emitir o seu voto no lugar que máis lle conveña.

Asemade, nesa xornada, os voluntarios que forman parte do proceso participativo outorgarán a información pertinente e resolverán as dúbidas que poidan xurdir. Os mesmos contarán cunha plataforma dixital que fará un seguimento das persoas que emitan o seu voto, impedindo así que se xeren duplicidades. É necesario puntualizar que o voluntariado non terá acceso en ningún momento ao padrón de habitantes, esa información será procesada unicamente pola citada plataforma.

As papeletas a cubrir incluirán seis recadros nos que se poderán escoller unicamente dúas datas: marcarase cun “1” a primeira elección e cun “2” a segunda. Os días a escoller son os seguintes:

  • 12 de abril, día de Venres das Dores / Venres dos Dolores
  • 14 de abril, día da República
  • 24 de xuño, día de San Xoán
  • 16 de xullo, día do Carme
  • 16 de agosto, día de San Roque
  • 22 de novembro, día de Santa Cecilia

O reconto levarase a cabo no Salón de Plenos do Concello a partir das 20:30 horas e estará supervisado por unha mesa electoral formada por tres persoas que validarán o resultado. O proceso de escrutinio estará aberto ao público e será realizado baixo a supervisión do concelleiro de Participación veciñal.