Proposta das bases da consulta popular sobre os festivos locais
A Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo presenta a seguinte proposta das bases que marcarán as normas a seguir para a realización dunha consulta popular non vinculante que determinará os festivos locais para un período de tres anos na vila de Cangas (2019-20-21).
Desde a área búscase que este proceso conte co apoio unánime da corporación, polo que as bases xa foron entregadas a todas as forzas políticas (Alternativa Canguesa de Esquerdas, Bloque Nacionalista Galego, Asemblea pola Unidade, Partido Popular, Partido Socialista e Cangas Decide). Será o martes 20 de marzo cando se produza unha xuntanza entre todas elas para valorar e consensuar as achegas e/ou modificacións que cada partido queira propoñer, facilitando así a creación dun regulamento final e participativo. Preténdese que se trate dun procedemento aberto e que conte co apoio unánime da corporación local, posto que o que se busca é que o pobo sexa o que elixa de forma democrática os festivos locais.
Por iso, desde esta Concellaría quérese facer un chamamento á veciñanza de Cangas maior de 16 anos para que se anime a participar neste proceso. Convídase a todas aquelas persoas que o desexen a formar parte das mesas de votación e do posterior reconto. Todos e todas as voluntarias deben anotarse na Oficina Municipal de Voluntariado a través do correo electrónico voluntariado@cangas.gal ou no número de teléfono 986 39 21 71.
1. Finalidade
Proceso participativo para marcar os días festivos locais de 2019-20-21.
2. Censo
Persoas empadroadas en Cangas e maiores de 16 anos a 31 de decembro de 2017.
3. Formato
Votación individual presencial en locais municipais o domingo 27 de maio de 2018.
4. Metodoloxía:
4.1. Presentación de candidaturas
- Poden presentar candidaturas persoas físicas maiores de 16 anos pertencentes ao censo municipal, podendo presentar soamente un día por persoa.
- As candidaturas teñen que estar avaladas por un mínimo de 50 persoas maiores de 16 anos empadroadas no Concello de Cangas.
- Unha mesma persoa pode avalar todas as candidaturas que desexe.
- As candidaturas poden referirse a un día fixo no calendario ou a unha data que varía cada ano dependendo doutros condicionantes (Calendario luar, día da semana, etc.). En consecuencia, as candidaturas deben detallar:
- Denominación do día proposto como festivo.
- Data numérica e día da semana do día proposto como festivo no ano ou cada un dos anos do período plurianual obxecto da consulta (Sempre que xa estivese establecido).
- Breve explicación motivada sobre a candidatura como festivo local.
- O prazo para presentar as candidaturas é de 21 días naturais, comezando o 8 de abril.
- O lugar de presentación da candidaturas é no rexistro municipal.
- O número máximo de candidaturas establécese en dez.
- No caso de se presentaren máis candidaturas do número máximo establecido, as dez con maior número de avais serán as que pasarán á fase final de votación.
4.2. Período de campaña
- As candidaturas disporán de 15 días para a promoción da súa opción.
- A campaña de promoción deberase desenvolver en positivo. Non se admitirán ataques a outras opcións.
4.3. Procedemento de votación
- A votación realizarase de forma presencial nos locais habilitados como colexio electoral, entre as 10:00 horas e as 19:00 horas.
- Cada parroquia contará, como mínimo, cun punto de votación.
- As mesas de votación estarán formadas por un máximo de 3 persoas (voluntarias, inscritas previamente nun censo), presidencia, secretaría e voceira. Con un mínimo de dous: presidencia e secretaría.
- As persoas participantes da mesa, poden explicar o sistema de votación as persoas que así o demanden, para facelo proporcionarase unha guía normativa do proceso.
- Nas papeletas aparecerán as candidaturas, ordenadas segundo calendario.
- Cada persoa pode votar como máximo dúas opcións, marcando cun “1” a primeira elección e cun “2” a segunda.
- O voto marcado con un “1” (primeira opción) terá o valor de 3 puntos. O marcado cun “2” (segunda opción) valorarase 1 punto.
- Unha vez finalizado o horario de votación (19:00 horas), os presidentes de cada centro de votación precintará as urnas e esperará a que estas sexan recollidas pola Policía local.
4.4. Procedemento de reconto
- Unha vez finalizado o horario de votación (19:00 horas), os presidentes de cada centro de votación precintarán as urnas, introducirán o censo electoral utilizado nos sobres precintados e agardarán a que todo o material sexa recollido pola Policía local, que será a responsable da súa custodia ata a Casa do Concello.
- O reconto levarase a cabo no Salón de Plenos a partir das 20:30 horas do 27 de maio, supervisado por unha mesa electoral formada por tres persoas que validarán o resultado.
- O proceso de escrutinio estará aberto ó público e será realizado baixo a supervisión do Concelleiro de Participación Veciñal.
- Sumaranse todos os puntos de cada candidatura (asignando 3 puntos aos días seleccionados no primeiro lugar e 1 punto aos marcados como segundos ).Os dous días con maior puntaxe total serán propostos ao pleno como os dous días festivos locais para os anos 2019-20-21.
- Se no período obxecto da votación (2019-20-21) un dos días seleccionados como festivos coincidise en fin de semana, o festivo local pasaría á seguinte opción máis votada (o terceiro na lista) e así sucesivamente, ata poder asignar o festivo a un día hábil.
5. Cronoloxía do proceso
- Marzo 2018. Presentación pública do proceso.
- Domingo, 8 de abril de 2018. Apertura do prazo de presentación de candidaturas (3 semanas).
- Domingo, 29 de abril de 2018. Peche do prazo de presentación de candidaturas.
- Venres, 4 de maio de 2018. Publicación das candidaturas oficiais e apertura do período de reclamacións.
- Martes, 8 de maio de 2018. Peche do período de reclamacións.
- Mércores, 9 de maio de 2018. Publicación de candidaturas definitivas.
- Sábado, 12 de maio de 2018. Apertura da campaña.
- Sábado, 26 de maio de 2018. Peche de campaña.
- Domingo, 27 de maio de 2018. Día da consulta (10:00 horas-19:00 horas), reconto e proclamación de resultados.
- Aprobación polo correspondente pleno dos novos días festivos.
- Inicie sesión para enviar comentarios



