Presentación rutas “Defensa da Vila”
Este ano celébrase o 400 aniversario do asalto ao pobo de Cangas por parte dos piratas turcos. Unha cita que se conmemorará durante os días 8,9 e 10 de decembro baixo a denominación de ‘Cangas 1617: A Defensa da Vila’. Unha celebración na que se engloban as rutas guiadas gratuítas que levará a cabo a asociación a Illa dos Ratos en colaboración coa Concellaría de Turismo.
Estes percorridos son previos ao festexo de decembro, xa que comezarán a partir do vindeiro fin de semana. Existen dous proxectos: un deles aberto para toda a cidadanía e o outro dirixido especificamente aos escolares. Todos eles salientarán a historia de María Soliña, da defensa da vila e explicarán o motivo da chegada dos turcos a Cangas.
Dentro dos itinerarios pensados para toda a veciñanza englóbanse dúas rutas diferentes. A primeira delas, designada como ‘A Defensa da Vila’, realizarase o sábado 14 e o domingo 29 de outubro, así como o sábado 11 e o domingo 26 de novembro. O punto de partida será o Palco da Música da Alameda Vella, pasando pola rúa da Calzada (hoxe en día Rúa Real), Barbicas, pola Colexiata, o barrio de Outeiro, a Casa de Patín, a Faixa, Fonte Garrida, praza do Progreso, Saralegui, Eirado do Costal (lugar no que se contará o ataque e algunhas incursións piratas anteriores), subida a Singulis (onde se relata as consecuencias socias e económicas do ataque) ata rematar no Cruceiro. Nesta última parada explicarase o proceso de María Soliña.
A segunda ruta será lineal e levarase a cabo o sábado 21 de outubro, o domingo 5 e o sábado 18 de novembro, e o domingo 3 de decembro. Comezará no aparcadoiro da Capela de San Roque e finalizará na Colexiata. Nela predominará un punto de vista totalmente diferente ao da anterior, posto que se realizará desde o punto de vista dos piratas, algo que permitirá coñecer por que acabaron os piratas en Cangas, que tipo de embarcacións traian ou as motivacións que tiñan para querer chegar aquí.
Por último, tamén se efectuarán rutas escolares, que disporán dunha temática similar pero adaptadas aos nenos e nenas, enfocándoas en aspectos que lles chame a atención como a figura dos piratas ou curiosidades de como se vivía na vila antigamente. Unha iniciativa que está tendo unha gran acollida nos diferentes colexios de Cangas.
- Inicie sesión para enviar comentarios



