Pasar al contenido principal

IV Gala benéfica AECC

FacebookTwitterShare
IV Gala benéfica AECC

A IV Gala Benéfica que organiza a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) terá lugar o vindeiro venres, día 22 de setembro, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Cangas. Trátase dun evento que conta cunha gran repercusión na nosa vila, posto que o seu fin solidario e social provoca que acade unha gran resposta por parte da veciñanza, consolidándose así como unha cita imprescindible dentro do calendario municipal.

A cerimonia contará con diversos participantes que lograrán o deleite do público, entre eles atópanse a Academia de Danza Maite Quiñones, a cantautora Sandra Piñeiro, o Baile Folcklórico do Perú Macchu Picchu, a cantante Ángeles Ruibal, o grupo musical Mornura, unha parella de Baile Latino e o Grupo de Gaitas Tromentelo. Ademais, o encargado de presentar a gala será o cangués Miguel Blanco Calvar.

A entrada suporá un donativo voluntario por parte dos asistentes. Os fondos recadados destinaranse na axuda de investigación sobre o cancro, especialmente sobre o cancro infantil. Na edición anterior logrouse recadar arredor de 2.000 euros, unha contía que se agarda incrementar nesta tempada. De feito, a día de hoxe xa se teñen reunidos máis de 1.000 euros. Convén lembrar que durante a fin de semana pasada a AECC organizou tamén un campionato benéfico de petanca co que conseguiron uns grandes resultados.

O presidente da AECC de Cangas, Raúl Cerna Rodríguez, e o secretario da mesma, Andrés Rodríguez Lemos, quixeron agradecer a colaboración do Concello a través da Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade que dirixe Tomás Hermelo. “Ademais, queremos dar as grazas a todo o pobo pola súa cooperación, así como aos comercios e establecementos de Moaña e Cangas, que sempre nos axudan”.