Comezo das xornadas pola conservación e posta en valor dos recursos naturais do Morrazo
As primeiras Xornadas pola conservación e posta en valor dos recursos naturais do Morrazo comezaron no día de onte cunha conferencia no Salón de Plenos ás 20:30 horas sobre os ‘Cogomelos de primavera’, a cargo de Santiago Corral Estévez, membro fundador da Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro. Unha ponencia que estivo acompañada por unha recompilación de imaxes de cogomelos fotografados no Morrazo ao longo de dez anos.
Estas xornadas desenvolveranse ata o vindeiro xoves, día 26 de abril co seguinte programa:
- Martes 24 de abril, 20:30 horas no Salón de Plenos
Cogomelos das dunas, Marisa Castro.
Marisa Castro falará da historia da micoloxía das dunas en Galicia, facendo especial fincapé no Morrazo, onde foi pioneiro no estudio do territorio Juan Moldes no ano 1983-84. A profesora tamén explicará as condicións ecolóxicas especiais que significan os sistemas das dunas como micohábitats e algunhas das especies máis características correspondentes tanto á climatoloxía mediterránea e a terreos con pH básico como aos dos solos das duns nas distintas partes do sistema: herbas, piñeirais, musgos, madeira, etc...
- Mércores 25 de abril, 20:30 horas no Salón de Plenos
A conservación do patrimonio natural nas costas do Morrazo, algo máis que praias e sol, David Álvarez Graña.
David Álvarez fará unha alegación da defensa do potencial patrimonial e a posta en valor dos recursos naturais que atesoura o litoral da comarca, para postularse como alternativa de explotación turística: máis sostible, en convivencia harmónica co territorio e, sobre todo, compatible coa súa conservación.
- Xoves 26 de abril, 20:30 horas no Salón de Plenos
Bioimaxe: unha aposta polo noso mar, Manuel E. Gari.
A intervención de Manuel E. Gari centrarase nas distintas actividades que realizan en Bioimaxe. Por unha banda, a parte de divulgación, cuxo proxecto estrela foi a realización do documental O Choco, baixo as ondas da Enseada de San Simón, que nos presentará a xornada máis polo miúdo coa proxección do documental que se realizou. Tamén tratará a faceta de banco de imaxe, tanto de vídeo fotográfico, do ecosistema mariño e fluvial, poñendo exemplos de colaboración coas distintas produtoras e proxectos audiovisuais do papel de Bioimaxe nos estudos de seguimento de especies e ecosistemas.
- Inicie sesión para enviar comentarios



