Charlas informativas sobre o Programa Integrado de Emprego
ESTA SEMANA REMATA O PRAZO PARA SOLICITAR O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO QUE ESTÁ A POÑER EN MARCHA O CONCELLO DE CANGAS CUNHA SUBVENCIÓN DA XUNTA DE GALICIA
SELECCIONARANSE 100 PERSOAS DESEMPREGADAS ÁS QUE SE LLES INTENTARÁ ATOPAR UN POSTO DE TRABALLO RELACIONADO CO SEU PERFIL PROFESIONAL
Dende a Concellaría de Desenvolvemento Económico e Emprego Local do Concello de Cangas lémbrase que esta semana remata o prazo para poder solicitar o Programa Integrado de Emprego de Galicia que promove o Concello coa subvención que acadou da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía,
Emprego e Industria da Xunta de Galicia.
Co obxecto de facilitar información sobre o programa e para que as persoas que aínda non o solicitaran poidan preincribirse, na Casa de Oficios do Concello realizaranse dúas sesións informativas, unha este luns 10 de decembro ás 18:00 horas e outra o martes ás 11:00 horas.
O programa diríxese ás persoas desempregadas pertencentes a algúns dos seguintes colectivos: persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero, demandantes menores de 30 anos, maiores de 45 anos e persoas que sexan perceptoras de prestacións. Realizarase unha distribución proporcional entre os distintos colectivos, de xeito que o programa inclúa a persoas desempregadas de diferentes idades, distintos perfís profesionais e con diferentes niveis de titulación, desde persoas con estudios primarios ata persoas con titulacións de formación profesional e titulacións universitarias.
O Programa inclúe numerosas actuacións de diferente natureza tales como asesoramento e orientación laboral, xestión dos currículos dos participantes, emparellamento coas ofertas de traballo, intermediación laboral coas empresas, accións de formación transversal e formación específica en determinadas ocupacións, prácticas en empresas, etc. Con estas actuacións o programa ten previsto acadar uns obxectivos de inserción laboral do 40% dos
participantes, tendo previsto incluír así mesmo actuacións que favorezan á conciliación.
Para ampliar información poden dirixirse á Oficina de Emprego de Cangas ou á Casa de Oficios do Concello de Cangas, na Avda de Bueu, 15, no teléfono 986304650 ou no correo casadeoficios@cangas.gal.
A CONCELLEIRA DE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E EMPREGO LOCAL
Ánxela Vizoso Marcos
- Inicie sesión para enviar comentarios



