Pasar al contenido principal

Charla de compostaxe individual e entrega de 50 composteiros

FacebookTwitterShare
Charla de compostaxe individual e entrega de 50 composteiros

Mañá, mércores 20 de Setembro ás 19:00 h, levaremos a cabo no Salón de Plenos a 9ª Charla Informativa “Participa na compostaxe” coordinada pola concelleira de Medio Ambiente e Turismo, Tania Castro, e impartida por técnicos especialistas de SOGAMA. Nesta charla, a veciñanza coñecerá, da man dos técnicos de Somaga, tódolos detalles do compostaxe individual: ¿que podemos reciclar deste xeito?, ¿cando temos o compost listo para utilizar?, ¿Que ferramentas podemos utilizar? E da man da concelleira, a importancia de reciclar orgánico deste xeito tan cómodo e fácil.

“Na actualidade, o concello de Cangas gasta algo menos de 800.000 euros na recollida e queima de lixo. Coas accións que se levan implantando ate o momento (composteiros individuais e composteiros urbanos, áreas de reciclaxe selectivas de RAEE, etc) tense avanzado na concienciación e información sobre a reciclaxe e a reutilización e agardamos que, cos traballos que se van a levar a cabo a partires de novembro para realizar unha redistribución dos colectores a través do novo Plan Municipal de Residuos, sigamos avanzando para alcanzar o mínimo de reciclaxe aceptable. Separando, podemos reducir a factura actual do lixo incluso até a metade, podendo investir eses cartos nas necesidades evidentes que temos no concello e que, por falta de recursos económicos, non podemos afrontar. É moi fácil comezar separando os orgánicos, ademais de que isto evitaría os tremendos malos cheiros que emiten os contedores normais no verán, e tamén no inverno pero menos, debido á descomposición da materia orgánica”, comenta Tania Castro. “Este verán tense reducido a factura do lixo en comparación co verán do ano pasado, e ten que seguir baixando como indicativo de que as canguesas e os cangueses (e tamén os turistas), reciclamos máis”.

Tras a charla, que é aberta a toda a veciñanza interesada en coñecer esta práctica, o concello entregará os 50 composteiros individuais que nos ten entregado SOGAMA á veciñanza das parroquias e das casas que o tiñan solicitado e foron avisados por teléfono. Esta doazón por parte de SOGAMA constitúe unha cesión da empresa pública que ten por obxecto estender as prácticas de autocompostaxe a distintas vivendas unifamiliares do municipio de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo”.

“Serán xa, con estes 50, 150 composteiros individuais entregados á veciñanza das parroquias dende que chegamos ao Goberno, quedando á espera de recibilo, a día de hoxe, 65 familias. Dende a Concellería de Medio Ambiente seguimos solicitando ás diferentes administracións e empresas públicas que nos doten con máis composteiros, aínda que tamén estamos estudando a posibilidade de sufragalos con fondos propios ou con algunha subvención. As administracións públicas estamos obrigadas a facer forza pola concienciación e información sobre a importancia de respectar o noso medio ambiente. É moi importante que toda a veciñanza de Cangas entenda que, ante tirar o lixo no cubo ou reciclar, hai que escoller reciclar para poder comer produtos cultivados nunhas terras sans e limpas e libres de contaminación. Un xesto importa moito”