Data de inicio:
Sábado, 1 de marzo ás 18:00 horas
PRESENTACIÓN DA ASOCIACIÓN CULTURAL PEIS D’HOS
Peis d’hos é a forma que adopta no Morrazo a expresión “peixe de hoxe”, en alusión ao peixe do día capturado en baixura con aparello ou outras artes de pesca similares. A finais do ano 2013 nace en Cangas unha asociación cultural con esta denominación para dar cobertura a unha escola de música e baile tradicional galego.
Por un lado podemos interpretar que “peis d’hos” fai referencia aos rapaces novos que teñen cabida nesta escola e, polo tanto, nesta asociación, ou non tan novos en idade pero si formados na actualidade, polo que se poden considerar debutantes neste ámbito.
Por outra banda, o “peis d’hos” tamén poderían ser os mestres que lideran e dirixen este proxecto, rapaces novos con dilatada experiencia no mundo da música e o baile tradicional pero que ata o de agora nunca se embarcaran sós nun proxecto destas características.
O fin principal desta asociación é formar neste eido aos veciños desta comarca mariñeira. Esta ensinanza parte da investigación, análise e estudo dos traballos de campo levados a cabo por toda a xeografía galega.
Outro dos obxectivos arredor dos que traballa esta asociación é converter a música e o baile tradicional e a súa práctica en algo cotián, nunha actividade habitual, nun xeito de divertimento para a sociedade como foi nalgún tempo (pero enmarcado no contexto actual) e, sobre todo, sen que sexa visto como unha rareza empregada tan só por uns poucos. Sen dúbida, unha clara e arriscada aposta pola cultura do país.


