Pasar al contenido principal

Cangas en negro

Cangas en negro

25 de noviembre: Día Internacional de la Eliminación de la Violencia contra las Mujeres

#ennegro2019

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar a poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Segundo un recente informe da ONU as violencias machistas convertéronse na principal causa de morte das mulleres, de entre 15 e 44 anos, no mundo, e diversos estudos amosan que aproximadamente un 70 % das mulleres experimentaron violencia física e/ou sexual por parte dun compañeiro sentimental durante a súa vida. Só en España, desde o 2003 (ano en que se empezan a recoller cifras oficialmente), ata o 10 de xuño de 2019, foron asasinadas 1000 mulleres. Só nos dous primeiros meses do 2019 foron asasinadas 9 mulleres en España.

Dende a Concellería de Igualdade do Concello de Cangas consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animamos ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do noso municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro.

“#cangasennegro”

Propóñosvos vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, o asasinato. Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas de Cangas, e sodes o gran escaparate que pode transmitir a cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Cangas libre de violencias machistas!#contraasviolencias

Do 18 ao 25 de novembro, viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro, nos facilitarémosche cartelería e información que tamén compartiremos nas redes sociais. A partir do 12 de novembro abrirase un punto de reparto de cartelería na Casa da Xuventude. Esta campaña desenvolverase conxuntamente con máis dun centenar de vilas e cidades galegas baixo o lema En Negro Contra As Violencias co obxectivo de por sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía.

Se queres participar só tes que enviar un correo electrónico a ennegro@cangas.gal cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e telefono) antes do 8 de novembro: deseguida contactaremos contigo. Os comercios e colectivos que xa vos adheristes en anos anteriores non tedes que volver a facelo. Se queredes personalizar o voso local podedes cubrir o formulario de adhesión na web https://ennegrocontraasviolencias.gal/  onde poderedes tamén descargar e imprimir o material que consideredes necesario.

Agardamos contar coa túa participación, recibe un cordial saúdo: Victoria Portas Mariño Concelleira de Benestar Social, Igualdade, Feminismos, Transparencia e Participación Veciñal do Concello de Cangas