Pasar al contenido principal
Nela participan 54 colectivos e realizaranse 24 actividades

Presentación da programación da “Mostra do Posible”

FacebookTwitterShare
Presentación da programación da “Mostra do Posible”

A Mostra do Posible chega o sábado 7 e o domingo 8 de outubro a Cangas. Trátase dun evento organizado pola Rede de Solidariedade Popular de Vigo que busca crear un espazo de encontro entre empresas de economía social e movementos sociais para establecer unha forma de vida máis xusta. Un dos obxectivos a conseguir é lograr un mundo solidario e colaborativo, ademais de mostrarlle a toda a cidadanía que existen alternativas reais, sociais e democráticas.

En total son 54 os colectivos participantes, levaranse a cabo 24 actividades entre as que se inclúen seis palestras (onde se promoverá a reflexión colectiva sobre diversos temas como a cultura, os medios de comunicación, a renovación pedagóxica, etc), charlas, radio en directo, actividades de animación ou concertos, entre moitas outras. Asemade, na Alameda instalaranse 35 postos para que as diferentes agrupacións participantes poidan contactar de forma directa coa cidadanía.

Para o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, a programación é moi completa e variada: “Abarca temáticas distintas e moi importantes para a sociedade de hoxe en día. Quero agradecer que escolleran Cangas para  a celebración deste evento, xa que terá unha gran proxección a nivel galego, estou seguro de que vai ser un éxito de participación”. A Mostra do Posible permitirá sacar conclusións positivas á hora de encarar un mundo diferente, trátase “doutra maneira de enfocar a nosa sociedade. Algo que é posible, posto que non estamos falando de teorías nin de alternativas inalcanzables. Con estas propostas construiremos un mundo máis xusto”. 

Desde a organización da Mostra, definen estas xornadas como un lugar para presentar iniciativas innovadoras, nas que predominan valores de respecto ao medio ambiente, ás persoas, á transparencia ou á democracia. “Con elas podemos democratizar a produción, a distribución, o comercio e a financiación. Falamos tamén de políticas públicas máis eficientes. Escollemos Cangas porque nos topamos moi cómodos/as aquí, dannos moitas facilidades. Cangas ten unha visión ética de futuro”.

Colonias Canguesas e Tiradoura son dúas asociacións do municipio que van participar neste evento. Ademais, o domingo ás 17:00 horas realizarase un intercambio de grupos de consumo: dous deles de Cangas e os restantes de Ponte Caldelas, Moaña e do Val Miñor. A presenza canguesa tamén se fará notar na sesión vermú do domingo coa actuación de Liz e As Ánimas Negras. Aínda así, hai múltiples colectivos de toda a península do Morrazo que colaboran coas tarefas de difusión, de organización das mesas de traballo, etc.

Desde o Concello anímase a toda á veciñanza para que asista a estas actividades, nas que poderá atopar proxectos innovadores relacionados co mundo enerxético, coas moedas sociais, cos selos de eficiencia… Múltiples fórmulas para que as persoas reflexionen e se fagan coñecedoras de propostas respectuosas que xiran arredor das seguintes temáticas:

  1. Economía, traballo e finanzas
  2. Saúde, alimentación e coidado do entorno
  3. Educación, cultura e medios de comunicación
  4. Urbanismo, abastecemento e refugallos
  5. Dereitos sociais

Cómpre destacar aquí que a Rede de Solidariedade Popular é unha asociación que conta con 63 redes en todo o territorio español. Desde fai 4 anos tamén está presente na cidade de Vigo, desde onde se promove o respecto colectivo para lograr o benestar social e a solidariedade. Toman como inspiración unha das frases de Saramago: “O mundo por enteiro perténcenos, pero perténcenos non como propiedade, senón como responsabilidade, con dereito a saber, a opinar e a cambiar”. Unha frase que reflicte moi ben o que é a Mostra do Posible.